Arquivan a causa xudicial polo naufraxio do 'Mar de Marín'
Por Natalia Puga
O xulgado decretou o arquivo provisional da causa xudicial aberta para escalarecer o accidente marítimo polo que se afundiu o pesqueiro 'Mar de Marín' tras chocar co mercante 'Baltic Breeze' á entrada da Ría de Vigo. Este sobresemento das actuacións non afecta ás accións civís que no seu caso puidesen corresponder aos prexudicados.
O sinistro consistiu nunha colisión na madrugada do 1 de abril entre o pesqueiro e o mercante nun momento no que viaxaban no 'Mar de Marín' dez tripulantes. Cinco deles sobreviviron, foron localizados catro cadáveres e o décimo segue desaparecido. Trátase do veciño de Marín de 53 anos Manuel Domínguez Mallo, que a xuíza xa deu por morto.
Os mariñeiros falecidos foron o ghanés Alexander Nketiah, o marroquí veciño de Marín Hassan Zigari, o veciño de Barro Alejandro García Castro e o veciño de Cangas Carlos Santos Villar. Os cinco tripulantes que rescatados con vida foron Francisco Javier Pazó San Jorge, Gonzalo Santiago Torres, Juan Ramón Santiago Torres, Gumersindo Marquez Avis e un biólogo do Instituto Oceanográfico, Nicolás Mira.
O titular do Xulgado de Instrución número 7 de Vigo, Carmen García Campos, tomou declaración en calidade de imputado ao capitán do 'Baltic Breeze', pero, tras estudar a causa, entende que non cabe apreciar nel imprudencia ningunha, nin grave nin leve, que poida cualificarse de penalmente relevante.
Resultado das dilixencias practicadas, concluíu que o accidente non o ocasionou o mercante, de maior tamaño e que tan só sufriu un pequeno dano no casco na colisión, senón que se debeu a unha manobra incorrecta do patrón do Mar de Marín, Alejandro García Castro, falecido no naufraxio. Ao respecto, o auto conclúe que o patrón realizou esa manobra "na crenza de ser correcta", pero "evidentemente non o era".
Segundo conclúe a investigación xudicial, o Centro de Coordinación de Salvamento Marítimo de Vigo advertiu o patrón do pesqueiro de que a súa manobra non era correcta e a debía rectificar, pero non o fixo e, coa súa forma de actuar, xerou "un risco de colisión grave e inminente ao interpoñerse na traxectoria correcta do 'Baltic Breeze'.
Fronte ás críticas vertidas sobre a actuación do capitán do 'Baltic Breeze', o auto da xuíza despexa todas as dúbidas e conclúe que o mercante entrou no Dispositivo de Separación do Tráfico de Vigo de forma correcta e seguiu navegando en todo momento de forma correcta pola súa canle ata que se produciu a colisión.
"Non existe o menor indicio de existencia de deficiencia ou anomalía nas súas luces de navegación", explica a xuíza tras ter no seu poder o informe elaborado polo equipo de Policía xudicial da Garda Civil. Ademais, sobre a base das declaracións do persoal do Centro de Coordinación de Salvamento Marítimo e ao estudo da Garda Civil, a velocidade que levaba o mercante era correcta.
O 'Mar de Marín' segue afundido a 57 metros de profundidade na ría de Vigo, nas proximidades das Illas Cíes, e xa se decidiu que non será reflotado.
Relacionadas:
-
Recuperado un cadáver no pecio do Mar de Marín
Por Redacción |
-
Remata sen éxito a quinta xornada de busca dos dous desaparecidos no naufraxio do 'Mar de Marín'
Por Redacción |
-
Tres mariñeiros dun barco de Marín falecen e dous están desaparecidos tras chocar cun mercante nas Cíes
Por Redacción | Creada e actualizada