"Todo fue muy rápido", aseguran os sobreviventes do afundimento do pesqueiro 'Mar de Marín'
Por Redacción
Abatidos e moi asustados. Así chegaron aos seus respectivos domicilios os cinco superviventes do 'Mar de Marín', o pesqueiro que se afundiu a pasada madrugada á entrada da Ría de Vigo, nas proximidades das illas Cíes. Salvaron a súa vida, segundo o armador do barco, Francisco Freire, ao conseguir subir á balsa salvavidas pouco despois de producirse o impacto co mercante 'Baltic Breeze', o causante do afundimento.
Francisco Freire, en declaracións aos medios de comunicación, sinalou que todos eles explicaron que "todo fue muy rápido". Recordan que pouco despois de que se producise o choque, sobre as 02.45 horas deste martes, o buque naufragou. Mentres eles os cinco lograron subir a unha balsa, os outros cinco "se perdieron" ao caer á auga. Tres deles faleceron e os seus corpos xa foron recuperados, mentres que dous permanecen desaparecidos.
O armador destacou que a tripulación era "muy experimentada" e, de feito apuntou que o patrón do barco, Francisco Javier Pazó, un dos superviventes, leva "entre siete y ocho anos" traballando con eles. De aí que preguntado sobre o sinistro puido ser causado por unha mala manobra do pesqueiro, Freire foi tallante ao asegurar que non o creo".
O propio Francisco Javier Pazó explicou á Televisión de Galicia que "yo estaba durmiendo en el castre y sentí el topetazo y cuando puse los pies en el suelo ya estaba todo anegado". Narrou como tras subir todos a cuberta "estábamos en el puente y en cuestión de minutos se coló el barco"
A experiencia da tripulación galega foi un aspecto que tamén destacou Mercedes Domínguez, irmá de Manuel Domínguez, un dos tripulantes do 'Mar de Marín' que permanece desaparecido. "No sabemos mucho, solo que iban navegando y que se les vino el mercante encima. El pesquero se partió en dos y se hundió", afirmou ante os xornalistas, engadindo que "ahora toca esperar".
Foi ela a que confirmou que o pesqueiro 'Mar de Marín' saíra o domingo de porto e que na madrugada deste martes, tras descargar na terminal olívica, se dirixía a faenar á zona de Muxía (A Coruña).
As familias dos mariñeiros galegos estiveron este martes no edificio de sesións do Porto de Vigo acompañados por un equipo de psicólogos da Cruz Vermella para axudarlles a afrontar "as crises iniciais" polo "shock" e a "incerteza" que viven tras coñecer a traxedia, segundo a directora de emerxencias de Cruz Vermella, Carmen Reigía. Ademais, recibiron as condolencias, entre outros, do presidente do Goberno, Mariano Rajoy.
TAREFAS DE RESCATE
Durante todo este martes, despregouse un amplo operativo, coordinado por Salvamento Marítimo, para tratar de localizar os dous tripulantes desaparecidos do 'Mar de Marín'. O pecio do buque afundido foi localizado a uns 57 metros de profundidade e a unha distancia de 1,4 millas ao sueste do illote do Boeiro, ao sur das Illas Cíes, pero as malas condicións climatolóxicas dificultaron as tarefas de rescate.
De feito, Salvamento Marítimo confirmou que o equipo de mergulladores que ía inspeccionar o 'Mar de Marín', non puido somerxerse e tratarán de volver intentalo este mércores. Ademais, dende a Consellería do Mar sinalaron que se fixeron simulacións das correntes para saber o posible percorrido que puideron tomar os corpos dos dous mariñeiros desaparecidos.
A busca dos desaparecidos, que se iniciou esta mañá, continuou durante toda a tarde co 'Ángel' da Policía Nacional, que relevou o 'Pesca 1', dependente da Xunta. Ademais, por terra colaboraron efectivos de Protección Civil de Cangas e, por mar, participaron a embarcación 'Salvamar Mirach' e a 'María Pita', de Salvamento Marítimo; e o remolcador 'Ría de Vigo', da Xunta; ademais de varios pesqueiros que se encontraban na zona.
Relacionadas:
-
Salvamento pospón ata finais de semana a busca submarina no pecio do 'Mar de Marín'
Por Redacción |
-
Remata sen éxito a quinta xornada de busca dos dous desaparecidos no naufraxio do 'Mar de Marín'
Por Redacción |
-
Tercer día de busca dos desaparecidos do 'Mar de Marín'
Por Redacción | Creada e actualizada
-
Salvamento Marítimo amplía ata a ría de Arousa a busca dos dous mariñeiros do 'Mar de Marín' desaparecidos
Por Redacción | Creada e actualizada
-
O Concello de Marín solicita "respecto cara ás familias de todos os tripulantes do Mar de Marín"
Por Oskar Viéitez |
-
Tres mariñeiros dun barco de Marín falecen e dous están desaparecidos tras chocar cun mercante nas Cíes
Por Redacción | Creada e actualizada