O xurado popular declara non culpables tres dos catro acusados polo crime do Umia
Por Oskar Viéitez
O xurado popular declarou por unanimidade culpable de asasinato a Adrián Ferro Couto da morte de Enrique Monteagudo, o 22 de xullo do 2010, no coñecido como crime do Umia.
Consideran probado que citou a súa vítima no lugar da Pontenova, e que "participou na morte" mediante un "ataque sorpresivo e inesperado" que rematou coa súa vida de Enrique Monteagudo.
En canto aos outros tres procesados Jesús Piñeiro, Héctor Vázquez e Borja Coucheiro, os membros do xurado consideraron que son "non culpables" ao non considerar probados os feitos polos que foron acusados. Cunha votación de tres votos a favor e seis en contra, en cada un das tres acusacións.
A lectura do veredicto deste venres na Audiencia Provincial de Pontevedra produciuse ás 21:30 horas tras a primeira xornada de deliberación dos nove membros que compoñen en xurado popular.
A maxistrada titular da Sección cuarta da Audiencia pontevedresa mostrouse " conforme " co fallo por ser "axustado os elementos de convicción sobre a base do obxecto do veredicto".
Á saída da sede xudicial vivíronse momentos de tensión protagonizados polos familiares de Enrique Monteagudo que non se explicaban "por que se quedou completamente probado que foi máis dunha persoa, déixanos en liberdade".
A fiscal Marta Durantez interesou para o único condenado, Adrián Ferro, unha pena de 17 anos e seis meses de prisión. O veredicto considera para el o atenuante de colaboración coa Xustiza porque "contribuíu parcialmente ao esclarecemento dos feitos".
Relacionadas:
-
A Audiencia impón 17 anos de prisión ao único acusado ao que o xurado considera culpable do crime do Umia
Por Natalia Puga |
-
O xurado do crime do Umia comezará o venres a deliberar
Por Oskar Viéitez |
-
Gardas civís e forenses declaran na terceira xornada do xuízo polo crime do Umia
Por Oskar Viéitez |
-
Os teléfonos móbiles sitúan os catro acusados polo crime do Umia no lugar dos feitos
Por Oskar Viéitez |
-
Un dos acusados polo crime do Umia incrimina os demais
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |