Gardas civís e forenses declaran na terceira xornada do xuízo polo crime do Umia
Por Oskar Viéitez
Na sesión do xuízo celebrada este mércores na Audiencia de Pontevedra polo coñecido como crime do Umia, declararon os técnicos do laboratorio de criminalística da Garda Civil de Pontevedra que se encargaron da investigación do suceso.
Apoiados por mapas dixitais que se presentaron nunha gran pantalla de televisión explicaron por que chegaron á conclusión de que foron "como mínimo dúas persoas" as que produciron a morte de Enrique Monteagudo, 'Lucho'.
Entre outros factores, fundamentaron esta tese no modo en que se produciron as feridas, os rastros de sangue que presentaba o escenario do crime, e nas circunstancias nas que se produciu o arrastre do corpo.
O terreo reflicte, segundo detallaron durante a vista, que primeiro se produciu un traslado en volandas, supostamente suxeitado polas mans e os pés, e posteriormente foi arrastrado polo chan.
A roupa, os substratos do chan, os depósitos de sangue, as salpicaduras na moto da vítima, as marcas na vexetación, foron elementos analizados ante o xurado polos axentes da garda civil ante as exhaustivas preguntas dos letrados das defensas e a fiscal.
Moito máis cru resultou o testemuño dos forenses que utilizaron a pantalla de televisión para mostrar imaxes da autopsia, que aínda que resultan "bastante agresivas", segundo advertiron aos membros do xurado, consideraron imprescindibles para poder explicar a causa e hora da morte e argumentar porqué consideran que interveu máis dunha persoa.
Foi unha xornada moi técnica, lonxe da sesión emocional vivida onte martes coa comparecencia dos pais, amigos e parellas dos acusados.
Especialmente difícil foi o episodio protagonizado o martes Isabel Caldas, nai de 'Lucho', que se encarou os catro acusados de asasinar o seu fillo, mentres abandonaba a sala de vistas da Audiencia Provincial.
Os letrados das defensas coinciden na debilidade das probas da Fiscalía
Os letrados das defensas coinciden na debilidade das probas da Fiscalía, polo que a medida que se achega o final do xuízo, insisten na ausencia de datos obxectivos que demostren a participación dos acusados na morte de Enrique Monteagudo.
A fiscal, Marta Durántez, chegou a pedir que se deduza o testemuño da noiva dun dos procesados por falsidade, aínda que o momento máis comentado foi a resposta que lle deu á defensa dun dos imputados, que exerce José Luis Gutiérrez Aranguren, avogado de Rosario Porto no caso pola morte da nena Asunta Basterra. Aranguren presentou informes e testemuños que tratan de acreditar o bo comportamento que tivo o seu cliente ao que a fiscal respondeu que mesmo as persoas "de conducta más intachable pueden cometer actos atroces como matar a sus hijos o a su hija".
O xoves celebrarase a última sesión deste xuízo antes de que o xurado se reúna para emitir o seu veredicto.
Relacionadas:
-
A Audiencia impón 17 anos de prisión ao único acusado ao que o xurado considera culpable do crime do Umia
Por Natalia Puga |
-
O xurado popular declara non culpables tres dos catro acusados polo crime do Umia
Por Oskar Viéitez |
-
O xurado do crime do Umia comezará o venres a deliberar
Por Oskar Viéitez |
-
Os teléfonos móbiles sitúan os catro acusados polo crime do Umia no lugar dos feitos
Por Oskar Viéitez |
-
Un dos acusados polo crime do Umia incrimina os demais
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Un tribunal popular xulga dende hoxe os catro acusados do crime do Umia
Por Redacción |