A Audiencia impón 17 anos de prisión ao único acusado ao que o xurado considera culpable do crime do Umia
Por Natalia Puga
A morte de Enrique Monteagudo Caldas o 22 de xullo de 2010 na Pontenova (Cuntis) xa ten sentenza e o único mozo a quen o xurado popular considerou culpable do crime, Adrián Ferro Couto, foi condenado a 17 anos de prisión e a indemnizar os pais da vítima con 150.000 euros.
O tribunal popular que xulgou o coñecido como crime do Umia considerou culpable dos feitos a un só dos catro acusados que se sentou no banco. Sobre a base dese veredicto do xurado, a maxistrada que presidiu o tribunal, Cristina Navares, ditou sentenza condenándoo por un delito de asasinato coa circunstancia atenuante de confesión e absolvendo os outros tres acusados iniciais, Borja Coucheiro Sanjurjo, Héctor Vázquez Liste e Jesús Piñeiro Mera.
Para impoñer esa pena de 17 anos, a maxistrada ten en conta que o xurado considérao culpable dun delito de asasinato no que concorren varias circunstancias modificativas, entre elas, a aleivosía coa que actuou (en concreto, "a indefensión da vítima e a brutalidade do feito") e a súa "confesión" ante o xuíz de Caldas de Reis que instruíu a causa.
A argumentación sostense en que o xurado declarou probado por unanimidade que Adrián Ferro citou a Enrique Monteagudo, alias 'Lucho', no lugar da Pontenova para o 22 de xullo de 2010 ás 15.30 horas e acudiu á cita "en compañía doutras persoas". Ao encontralo, actuaron "de común acordo e co propósito de rematar coa súa vida", agredíndolle cun instrumento cortante no pescozo e golpeárono repetidamente cun obxecto contudente na rexión lateral esquerda do colo, na cabeza e na cara, causándolle feridas de tal importancia que lle ocasionaron a morte de forma inmediata.
O xurado tamén declara probado por unanimidade que o ataque "foi sorpresivo e inesperado, ata o punto que non puido nin tivo oportunidade de defenderse" e que o procesado, ao contar o sucedido ante o xuíz de instrución, "contribuíu parcialmente ao esclarecemento dos feitos". Sobre a base destas dúas deliberacións do xurado, a maxistrada determina que procede apreciar o atenuante analóxico de confesión e a agravante de aleivosía.
A maxistrada sostén que contra os outros tres procesados a proba é "insuficiente para enervar a presunción de inocencia"
O fallo xudicial, notificado este martes ás partes, recolle que "que a vítima se achaba indefensa é evidente", pois non só carecía de calquera medio defensivo, senón que o ataque do acusado "foi súbito e sorpresivo". Esta argumentación sostense no informe dos forenses, pois non apreciaron signos de defensa na vítima e sostiveron que recibiu cortes no colo e un primeiro golpe cun instrumento contundente que, aínda que non foi mortal, puido producir o esvaecemento ou a perda de conciencia na vítima. Este golpe "impediu calquera posible defensa".
En relación coa absolución dos outros tres procesados, a sentenza da Sección Cuarta de la Audiencia de Pontevedra declara a súa libre absolución de conformidade co veredicto, pois os membros do xurado declararon non probada a súa participación na morta violenta de Enrique Monteagudo, ao non contar con máis elementos de convicción que a declaración de Adrián Ferro.
Os membros do xurado foron unánimes en relación coa culpabilidade de Adrián Ferro, pero non no resto das súas deliberacións. De todos os xeitos, finalmente o seu veredicto considera que non quedou probado que acudisen con Adrián Ferro á cita na Pontenova, de modo que a proba é "insuficiente para enervar a presunción de inocencia".
Relacionadas:
-
O xurado popular declara non culpables tres dos catro acusados polo crime do Umia
Por Oskar Viéitez |
-
Gardas civís e forenses declaran na terceira xornada do xuízo polo crime do Umia
Por Oskar Viéitez |
-
Os teléfonos móbiles sitúan os catro acusados polo crime do Umia no lugar dos feitos
Por Oskar Viéitez |
-
Un dos acusados polo crime do Umia incrimina os demais
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |