José Flores, xerente da área sanitaria: "Non temos médicos de familia agora en paro para cubrir as vacacións dos titulares"
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
José Flores Arias, xerente da área sanitaria de Pontevedra-O Salnés, respondeu ás queixas de concelleiros de diferentes municipios como Meis, Soutomaior ou Barro, que se queixan do déficit de médicos nos centros de saúde.
Lembra que na área sanitaria cóbrese a unha poboación de preto de 300.000 persoas con 22 centros de saúde, nove PACS, tres hospitais públicos e 061. "Pensar que a poboación non ten a cobertura suficiente para ser atendida nas emerxencias, nas urxencias, pois evidentemente non é certo", apunta.
"A situación é a mesma que outros anos", incide Flores Arias, "temos que pensar tamén que a veces damos unhas mensaxes de que a poboación non está cuberta", lamentábase o xerente para indicar que o sistema público de saúde de Galicia é envexado por outras comunidades autónomas.
Explica que desde a xerencia fíxose o esforzo de contratar a toda a xente dispoñible pero "non temos médicos de familia en paro. Non hai ningún médico de familia que estea na súa casa esperando para cubrir as vacacións dos titulares das prazas".
José Flores engade que se un médico dun centro de saúde está quince días de vacacións, os pacientes para cuestións ordinarias ou non urxentes poden esperar eses quince días a ser atendidos. "Calquera outra cousa que xurda, que sexan urxencias ou emerxencias, serán atendidos ou nos centros de saúde ou noutros centros sexan hospitalarios ou non da área sanitaria", expón.
Incide en que se conseguiron reforzos doutras áreas sanitarias e mesmo doutros países que veñen durante estes meses para traballar cubrindo prazas en zonas como Sanxenxo ou O Grove, zonas onde se multiplica por seis a poboación habitual "e aí é onde poñemos os poucos medios dos que dispoñemos". Lembrou tamén que nalgúns centros colaborarán os residentes de cuarto ano de medicina familiar e comunitaria.
Relacionadas:
-
O PP rexeita unha iniciativa do BNG sobre sanidade en Soutomaior e acusa o Concello de "entorpecer" o centro de saúde
Por Natalia Puga |
-
José Flores, xerente da área sanitaria, explica que a falta dun médico en Barro "é unha situación como a de calquera verán"
Por Redacción |
-
O PSOE esixe á Xunta unha atención sanitaria de calidade no centro de saúde de Arcade
Por Redacción |
-
O PSOE de Barro convocará unha protesta se a Xunta non repón urxentemente un médico para o centro de saúde
Por Redacción |
-
Sanxenxo pon ao dispor de Sanidade dúas vivendas para médicos
Por Redacción |
-
Reforzo de catro médicos de Atención Primaria para este verán en Sanxenxo
Por Anxo Lourido |