Os 'Soletes' pontevedreses que recomendan os mellores cociñeiros de España
![Alejandro](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/dee/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/5624216432-20150128-patxot-alex-espino-002.jpg)
Por Alejandro Espiño
Pepe Solla ou Javier Olleros forman parte do grupo de 125 cociñeiros e cociñeiras de elite que quixeron compartir as súas cafeterías, bares ou restaurantes preferidos. Aqueles que visitan cando están nos seus días libres e que recomendan para este verán.
Os establecementos mencionados, seis deles na comarca do Salnés, formarán parte da 'oitava promoción' dos Soletes da Guía Repsol que, nesta ocasión, estarán centrados baixo a temática "onde comen os cociñeiros con Soles".
Os chefs compartiron así co público o seu criterio e o coñecemento das súas respectivas zonas para sinalar máis de 750 lugares nos que merece a pena parar: lugares próximos, amables e con bo ambiente repartidos por toda a xeografía española.
"Eles coñecen mellor que ninguén o espírito dos Soletes, porque os frecuentan con amigos, con familia ou co seu equipo e tiveron a xenerosidade de compartilos", sinala María Ritter, directora de Guía Repsol, que considera que é unha selección estupenda para as vacacións.
No caso de Pepe Solla, as súas recomendacións foron El Náutico de San Vicente do Mar (O Grove), o furancho A Casa Pequena (Meaño) e a vinoteca A Curva (Sanxenxo).
Do primeiro, o cociñeiro pontevedrés destaca que "é un club mítico día e noite, cervexa e copa", no que "o mesmo te atopes a Drexler tocando que a Coque Malla tomando algo", o que o converte "nun dos sitios máis desexados do verán".
Sobre A Casa Pequena, pola súa banda, Solla subliña que "é un furancho moderno que fai o seu propio viño e é o único que serven", converténdose "nun sitio moi acolledor e súper agradable para o verán, cunha zona exterior cuberta para as noites galegas".
De A Curva sostén por último que "ten unha das cartas de viños mellor seleccionadas de Galicia" e ofrece racións "sinxelas pero elaboradas con gusto" fronte ao porto de Sanxenxo.
Outros dous establecementos do Salnés son recomendados por Javier Olleros. Trátase da cafetería O Forno de Piñeiro (O Grove) e do restaurante Michael (Sanxenxo).
A primeira das súas recomendacións é, segundo o cociñeiro de Culler de Pau, unha panadería artesanal que prepara "pans de longas fermentacións elaborados con fermentos naturais e fariñas sen aditivos".
Con respecto a Michael, está rexentado por un cociñeiro californiano "que chegou a Galicia e decidiu quedar para ofrecer unha cociña especial", entre outro propostas touciño entrefebrado 'confit' e emulsión de encurtidos ou bacallau en leite encebollada.
O sexto Solete desta nova fornada é para o restaurante O Muíño, en San Vicente do Mar (O Grove), recomendado por Yolanda León e Juanjo Pérez, de Cocinandos.
"Na praia de San Vicente do Mar sitúase este restaurante cunha terraza de ilusión que te traslada ao máis puro Caribe. Aquí o mellor é decantarse polos peixes frescos á galega e os mariscos cocidos", asegura a parella de cociñeiros leoneses.
Na provincia de Pontevedra tamén logran este Solete tan especial Argentinos Burguer (A Estrada), o chiringuito Castiñeiras (Cangas) ou os establecementos Fabbrica do Gelato, La Artesata, La Martinesa e La Vela (Vigo).
Relacionadas:
-
Rufus T. Firefly e Pancho Varona, o 'aperitivo' ao verán en El Náutico de San Vicente
Por Alejandro Espiño |
-
Catro novos 'soletes' iluminan a gastronomía pontevedresa
Por Alejandro Espiño |
-
Tres "soletes para perderse" en Sanxenxo, Bueu e Ribadumia
Por Redacción |
-
Amásame Bakery (Pontevedra) e O Muíño (Caldas), entre os 22 'soletes de carretera' de Galicia
Por Alejandro Espiño |