Os bombeiros reiteran a súa reclamación de aumentar persoal tras as emerxencias da pasada fin de semana
Por Redacción
A representación sindical dos bombeiros de Pontevedra volve poñer de manifesto a súa reclamación de aumentar o persoal desta dotación municipal. Nesta ocasión xustifican a demanda coas emerxencias rexistradas a pasada fin de semana e ás que tivo que facer fronte a dotación de garda que estaba operativa.
Na madrugada do sábado 24, o equipo composto por un cabo, dous bombeiros e dous condutores desprazáronse coa autobomba e autoescalera a un incendio na rúa Virxe do Camiño de Pontevedra.
Do interior da vivenda rescataron a unha persoa inconsciente e con graves queimaduras. Mentres extinguían o incendio e aireaban o domicilio sinistrado recibiron aviso dun accidente de tráfico na N-550 con persoas atrapadas no interior dun vehículo.
Esta circunstancia obrigou a abandonar temporalmente a vivenda para coller no parque de bombeiros o vehículo de rescate e ir atender o accidente. Neste sinistro rescataron a dúas persoas do automóbil en colaboración cos servizos sanitarios. Unha vez concluído este operativo regresaron ao domicilio de Virxe do Camiño para concluír a actuación e recoller o material de extinción.
Este mesmo sábado volveu repetir a duplicidade de servizos, o incendio dunha vivenda en Cotobade e a talla dunha árbore que corría risco de caída en Pontesampaio. Situación que supuxo "deixar a cidade de novo sen bombeiros durante case unha hora".
A representación sindical lembra que a tesitura non é nova e que veñen denunciándoa repetidamente. Reiteran unha vez máis que o persoal de garda dispoñible non é suficiente e que o de Pontevedra é "o servizo de bombeiros coa menor dotación de garda de todas as cidades galegas".
Relacionadas:
-
Un incendio estraga o hórreo de Campolongo durante a noite
Por Mónica Patxot & Redacción |
-
Atropelado un corredor na ponte de Santiago
Por Oskar Viéitez |
-
Sofre queimaduras nun 40% do seu corpo tras incendiarse a súa casa en Virxe do Camiño
Por Redacción |
-
Un camión bate cun farol do alumeado público en Sagasta e teñen que retirala e cortar o tráfico unha hora
Por Redacción |
-
Un incendio iniciado nun televisor afecta a mobles do salón e a cociña e chea de fume unha vivenda
Por Redacción |