Un incendio iniciado nun televisor afecta a mobles do salón e a cociña e chea de fume unha vivenda
Por Redacción
Efectivos dos bombeiros de Pontevedra tiveron que acudir na tarde deste luns ata a rúa Mariscal Pardo de Cela, na contorna de Virxe do Camiño, para sufocar un incendio que se iniciou nun televisor e acabou afectando a varios mobles e enchendo de fume toda unha vivenda.
Os bombeiros acudiron en resposta a unha chamada realizada por un veciño ao 112 Galicia poucos minutos antes das seis da tarde. Segundo relatou, vía como saía fume pola xanela dunha vivenda do segundo piso dun edificio.
Dúas dotacións dos bombeiros desprazáronse ata o lugar e tamén efectivos da Policía Local de Pontevedra. Unha vez alí, localizaron a orixe do lume nun televisor situado no salón da vivenda.
O lume propagouse e acabou afectando a varios mobles do salón e tamén da cociña, pois se trata dun espazo diáfano. Ademais, encheu de fume o resto da vivenda.
No momento de producirse o incendio, non había ninguén na vivenda, de modo que non hai que lamentar danos persoais, ningunha persoa resultou afectada.
Os bombeiros procederon a sufocar as lapas e logo a ventilar toda a vivenda e a realizar medicións para comprobar que o aire era respirable para os veciños.