O podcast 'Cos 5 sentidos' completa con este capítulo o percorrido polo Mosteiro de Poio. Tras coñecer a súa historia e o seu patrimonio cultural esta edición ocúpase dos espazos abertos ao turismo e que corresponden á hospedería, a súa igrexa e os seus dous claustros.
A modo de audioguía e contando cun cicerone de excepción, escoitando o podcast percórrese o claustro do cruceiro, tamén chamado claustro dos laranxos e claustro da portería. Este espazo mostra un dos elementos máis coñecidos do mosteiro mercedario, o mosaico do Camiño de Santiago, obra do checo Machourek, a quen tamén se lle presta atención.
Outro dos espazos abertos ao turismo é o claustro das procesións, que alberga unha fonte barroca de pedra que pon unha idílica banda sonora ao lugar e desde onde igualmente pódese acceder á igrexa que comezou a construírse a finais do século XVI e non se concluíu ata 1708.
Este terceiro programa dedicado ao cenobio situado na parroquia de San Xoán inclúe ademais algúns 'bonus' con interesantes curiosidades para calquera persoa que queira visitar, ou revisitar, o mosteiro. Pódese escoitar desde a ligazón que se adxunta e igualmente desde a web de PontevedraViva Radio pódese escoitar e descargar.
'Cos 5 sentidos' é unha publicación divulgativa financiada polo Plan Social Ence (#enceplansocialpontevedra).