Este 2024 o Enterro da Sardiña en Marín celebrouse por primeira vez co engadido de Festa de Interese Turístico en Galicia. Un recoñecemento para esta tradición do entroido marinense que se sucede, polo menos, desde finais do século XIX, cando xa se teñen testemuños escritos do mesmo.
Unha sardiña chorada e festexada por todo un pobo. A sardiña que como recurso pesqueiro vai parello á historia de Marín, incluso moitos séculos antes de que o municipio como tal existise. Así que a sardiña foi antes que Marín. Viaxamos neste podcast de 'Cos 5 sentidos' para seguir a pegada que neste concello foi deixando a pesca da sardiña.
Un engadido ao patrimonio cultural existente a ambas as marxes da ría de Pontevedra e do que fomos extraendo algunhas pinceladas en Pontevedra, Poio e Marín. Estes programas que se escoitan e descargan desde a web de PontevedraViva Radio son unha publicación divulgativa financiada polo Plan Social Ence. Este último capítulo tamén se pode escoitar desde a ligazón que se adxunta.