Luís Bará, candidato do BNG: "Esta campaña repite o momento de cambio histórico que se deu en Pontevedra no ano 99"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
O BNG encara as eleccións do 18 de febreiro coa mesma ilusión que afrontou a campaña dos comicios municipais do ano 1999 nos que lograron a Alcaldía de Pontevedra por primeira vez. Así o sinalou este venres o cabeza de lista do BNG pola provincia de Pontevedra para a cita, Luís Bará, nun almorzo informativo no que recoñeceu que "agora estamos nun momento semellante nunha campaña que repite aquela ilusión , aquel momento de cambio histórico que sede en Pontevedra no ano 1999".
Bará compareceu acompañado polo alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, que o definiu como "persoa traballadora que lle quere moitísimo ao país", "un home todoterreo" e amosou a súa satisfacción por ver que membros do goberno municipal dos últimos anos estean traballando noutras institucións porque "fainos ser moi positivos para os intereses de Pontevedra".
Despois das palabras de Lores, Bará recoñeceu que o fixo "viaxar atrás" á súa etapa de concelleiro e a "unha das etapas mais ilusionante das nosas vidas, de poñer en marcha un grande proxecto de transformación nesta cidade do que eu gardo o mellor dos recordos".
Equipara esa etapa co momento que vive agora o BNG a nivel galego, "a campaña da ilusión e da esperanza" na que teñen a sensación de que "pode pasar algo tan extraordinario como que Galicia teña por primeira vez unha presidenta e unha presidenta, ademáis, coas mans libres".
O cabeza de cartel presentou ás persoas integrantes da candidatura da comarca de Pontevedra. Acompañárono Marta Gómez, de Pontevedra, número 9 e actual secretaria xeral de Galiza Nova; Diego Moreira, número 20, concelleiro en Soutomaior; Manuela Portas, suplente, funcionaria no Concello de Pontevedra; e Mariña Búa, suplente, de Pontevedra e farmacéutica de profesión.
Bará destacou que nos primeiros días de pre campaña está a notar "un desexo maioritario de cambio" que tamén aparece representado nos estudos de opinión, nos que se ve que ao 60% das persoa que viven en Galicia gustaríalle un cambio político. Estes desexos de cambio supoñen "unha grande forza de ánimo e de transformación e de ilusión para facer unha campaña que lle dea resposta a toda esta demanda social e que permita este cambio de ciclo histórico".
"Creo que estamos no final dun cambio político político do PP", sinalou ilusionado Bará, que cre que o presidente da Xunta e candidato ‘popular’, Alfonso Rueda, é "un presidente suplente, un presidente por accidente, gris, que non ten carisma, que non ilusiona nin aos seus e que está dirixido desde Madrid". E contrapuxo a súa figura coa de Ana Pontón, cabeza de cartel do BNG, que vai permitir "reiniciar o país".
Fronte a un "goberno de coalición coas empresas do IBEX" do PP, que sostén que chegou a acordos con ENCE, Repsol, Iberdrola ou Naturgy, contrapón unha candidata do BNG que fará unha "coalición co país" e que impulsará a reactivación económica e a defensa dos servizos públicos. No caso de Pontevedra, ademáis, fala de cinco grandes compromisos.
Eses compromisos son a reactivación económica e do emprego coa dotación de máis solo industrial, o fortalecemento dos servizos públicos garantido o uso sociosanitario do Hospital Provincial, a recuperación da Ría co dragado do Lérez e a liberación dos terreos da Xunta na Xunqueira de Alba, o impulso de infraestruturas como a Variente de Alba e o vial norte de Poio e o impulso do Museo de Pontevedra como o gran museo de Galicia co proxecto de Santa Clara.
Bará amosouse esperanzado co cambio, pero sempre e cando se dean dúas condicións, o incremento da participación e a concentración do voto de cambio na papeleta do BNG, como "a única forza capaz de derrotar ao PP".
"É importante que non se perda nin un voto de xente que quere cambio", sinala. Na provincia, ve que "o BNG está alza e o PP á baixa" e que os nacionalistas están en disposición de medrar en dous deputados ou deputadas, pasando de seis a oito, mentres que o PP poderá baixar de 12 a 10.
Relacionadas:
-
Bará, centrado en exclusiva en Pontevedra e Caldas, priorizará o solo industrial, as rías e a sanidade
Por Natalia Puga |
-
Ana Pontón, 'musa' dunha nova camiseta de Rei Zentolo
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Ana Pontón escolle Pontevedra para arrancar a campaña electoral do 18F
Por Redacción |
-
Bará presenta en Pontevedra a "tarifa plana" que propón o BNG para "moverse polo país"
Por Redacción |
-
Pontón debulla en Pontevedra o seu programa económico para que Galicia "aproveite a súa riqueza e potencial"
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Alfonso Rueda podería perder a maioría absoluta fronte a un bipartito BNG-PSOE, segundo o CIS
Por Natalia Puga |
-
Santiago Abascal elixe Pontevedra para presentar aos candidatos de Vox para o 18F e tira de "carallo"
Por Cristina Saiz & Natalia Puga |
-
"Van a por nós, dispárannos", advirte Rueda ao PP desde Pontevedra, e chama á mobilización: "non hai nada gañado"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Santa Clara entra en campaña: o BNG propón un investimento de 10 millóns de euros na rehabilitación
Por Redacción |
-
O BNG conxúrase a saír "a por todas" e "pelexar cada voto ao PP"
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Montse Prado e Alexandra Fernández escoltarán a Bará á fronte da candidatura do BNG por Pontevedra
Por Redacción |
-
O BNG propón un plan de choque para a situación "dramática" da sanidade
Por Redacción |
-
Luis Bará repetirá como candidato do BNG nas eleccións galegas do 18F
Por Redacción |