O BNG conxúrase a saír "a por todas" e "pelexar cada voto ao PP"
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
O cabeza de lista do BNG pola provincia de Pontevedra, Luís Bará, asegurou este martes que "hai partido" o vindeiro 18F e chamou á formación nacionalista "a saír a por todas e pelexar cada voto ao PP para empezar un tempo novo en Galiza co Bloque á fronte da Xunta".
O nacionalista así o asegurou nun encontro de traballo para programar a campaña electoral con representantes comarcais do Bloque na comarca (A Lama, Barro, Caldas, Campo Lameiro, Cotobade, Cuntis, Moraña, Poio, Ponte Caldelas, Pontecesures, Pontevedra, Portas, Soutomaior e Valga, ademais de integrantes de Galiza Nova).
Bará destacou que será unha campaña "ilusionante, mobilizadora, con máis actos e reunións ca nunca" e subliñou que contará coa implicación de toda a organización "casa por casa e porta a porta" para conseguir "un resultado histórico".
Bará destacou que "desbancar ao PP da Xunta é posible porque hai unha maioría social que quere cambio", máis do 60% da poboación, segundo sinalou. Apuntou en que hai "unha grande oportunidade" porque "o BNG está co vento a favor porque medra, integra e chega a acordos, e o PP que vai a menos cun candidato gris e mediocre que non ilusiona, e porque a xente ve que hai desgoberno na sanidade, ensino, transporte, infraestruturas...", asegurou.
Para o cabeza de lista aos comicios autonómicos do 18 de febreiro estas non son unhas eleccións calquera, senón "unha cita coa historia", polo que "é fundamental pelexar cada voto das persoas que quere cambio, buscalos debaixo das pedras e concentralos no BNG", xa que o vindeiro goberno da Xunta ao seu entender vaise decidir por moi poucos votos. Lembrou, de feito, que nas eleccións galegas do 2020 o PP conseguiu o último deputado en tres provincias, na de Pontevedra en concreto, só por 96 votos.
"Pensade o importante que é o que fagamos cada un de nós. Hai un gran ambiente, non hai que ser conformistas, hai saír a por todas. Dende aquí ata alá hai pelexar cada voto porque estamos en condicións de gañar cada voto ao PP", subliñou, para engadir que a decisión da poboación estará "entre votar a unha Ana Pontón ilusionante que promete mellorar Galiza ou un Alfonso Rueda cun proxecto rutineiro e esgotado que deixa un legado desastroso para o país".
Como arranque de precampaña Luís Bará fará este mércores unha xira na que percorrerá máis de 300 quilómetros en apenas doce horas para visitar todas as comarcas da provincia, facendo paradas en Lalín, A Estrada, Pontecesures, Vilagarcía, Pontevedra, Bueu, Vilaboa, Vigo, Tomiño e Mondariz Balneario co fin de expoñer propostas do Bloque en diferentes áreas.
Relacionadas:
-
Pontón debulla en Pontevedra o seu programa económico para que Galicia "aproveite a súa riqueza e potencial"
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Luís Bará, candidato do BNG: "Esta campaña repite o momento de cambio histórico que se deu en Pontevedra no ano 99"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Santa Clara entra en campaña: o BNG propón un investimento de 10 millóns de euros na rehabilitación
Por Redacción |
-
A ex responsable de CCOO en Pontevedra, número 4 das listas de Sumar para o 18F
Por Natalia Puga |
-
PACMA preséntase ás eleccións galegas con María Luisa de Ceano por Pontevedra
Por Redacción |
-
Un 'Mozo de Arousa' para a lista do PP por Pontevedra, na que non repite Lupe Murillo
Por Alejandro Espiño |
-
Rueda irá por Pontevedra nas eleccións do 18F: "Un ten que ter claro sempre de onde vén para saber a onde vai"
Por Redacción |