Multitudinaria mobilización en Amil "contra os gobernos e especuladores"
Por Redacción
A parroquia de Amil, en Moraña, foi este domingo un dos seis lugares de Galicia nos que a Coordinadora 'Eólica Así Non' se mobilizou baixo o lema 'Defendemos as montañas contra os gobernos e especuladores'.
As mobilizacións organizáronse coincidindo co Día das Montañas en Amil, A Fonsagrada, Lugo, Val do Dubra, Vilar do Barrio e Ortigueira.
A mobilización de Amil foi máis numerosa, con preto dun milleiro de persoas que realizaron unha marcha reivindicativa desde a escalinata da Igrexa dos Milagres de Amil. Diante deste templo procederon á lectura do manifesto.
Alí congregáronse varias ducias de plataformas de veciñas e veciños afectados polo "actual espolio eólico na provincia" de Pontevedra para apelar á defensa das montañas e apoiar á veciñanza de Amil que loita contra as obras do proxecto eólico de Acibal e pola preservación dun rico patrimonio arqueolóxico e cultural afectado.
A Coordinadora Eólica Así Non, conformada por máis de 200 plataformas, colectivos e organizacións galegas, logrou mobilizar en toda Galicia unhas 2.000 persoas para destacar o papel que a sociedade civil organizada xogou nos últimos tres anos na defensa das montañas e, en xeral, do territorio galego ante a proliferación de proxectos eólicos.
O manifesto das mobilizacións destacou as funcións ecolóxicas e sociais que cumpren as montañas galegas.
Os manifestantes instaron á Xunta de Galicia e ao Goberno do Estado a que demostren que gobernan para o interese xeral e que procuren unha transición ecolóxica ordenada, xusta, sustentable e ao servizo do pobo galego.
Critican que tanto a Xunta como o Estado seguen a demorar sine die a ampliación dos espazos naturais protexidos galegos e a impulsar reformas lexislativas "golpistas" que "só atinxen aos intereses das eléctricas á costa de deixar indefensa á cidadanía e recortar a súa capacidade de intervención nas decisións de interese público".
No manifesto rexeitouse a última disposición legal da Xunta de Galicia pola que se declaran todos os proxectos eólicos de "interese público superior" e con carácter retroactivo, para intentar esquivar as paralizacións cautelares de polígonos eólicos autorizados pola Xustiza, así como a eliminación da avaliación de impacto ambiental dos procedementos administrativos de autorización que se tramitan no Ministerio de Transición Ecolóxica.
Os actos reivindicativos de 'Eólica Así Non' remataron co anuncio das plataformas e organizacións sociais de seguir mobilizando a sociedade galega e recorrendo nos tribunais os polígonos eólicos autorizados e ilegais ata frear o que consideran un asalto sen precedentes ao medio rural e ao medio ambiente galegos.
Relacionadas:
-
Denuncian a aparición dunha pedra de grandes dimensións fóra da zona de obras do polígono eólico de Acibal
Por Redacción |
-
Ao sector eólico preocúpalle a xudicialización da tramitación de proxectos por ser "un tsunami para os investimentos"
Por Oskar Viéitez |
-
Expoñen un vídeo para denunciar o uso non autorizado de maquinaria pesada nos arredores de petróglifos do Monte Acibal
Por Anxo Lourido |
-
'Salvemos o Acibal' analizou os desafíos dos montes galegos ante a irrupción dos parques eólicos
Por Mónica Patxot & Redacción |
-
Programada para este xoves 11 unha xornada activista en defensa do monte Acibal
Por Anxo Lourido |
-
Presentan o Manifesto Acibal "contra o espolio dos nosos montes e os seus bens"
Por Oskar Viéitez |
-
Amil Sen Eólicos presentará o 'Manifesto contra o espolio dos nosos montes e os seus bens'
Por Anxo Lourido |
-
ADEGA presentará, grazas a doazóns cidadás, un recurso no TSXG contra o proxecto eólico Touriñán III-2
Por Redacción |
-
O Consello da Cultura Galega insta a abordar os proxectos eólicos de forma "máis coidadosa e integrada"
Por Redacción |
-
"Indignación" por un novo impacto dos proxectos eólicos no Monte Acibal, a desaparición da Pisada do Mouro
Por Redacción |
-
Amil Sen Eólicos denuncia o inicio de voaduras no Monte Acibal sen a revisión de Patrimonio e Augas de Galicia
Por Redacción |
-
Detectan petróglifos danados pola acción da maquinaria de construción do parque eólico do monte Acibal
Por Redacción |
-
Celebran un Via Crucis en Moraña para protestar contra o parque eólico do Acibal
Por Redacción |
-
A Real Academia de Belas Artes entende que o Monte Acibal non é "o máis indicado" para a instalación dun parque eólico
Por Redacción |
-
Denuncian a destrución de elementos prehistóricos balizados na zona de obras do parque eólico do monte Acibal
Por Redacción |