Claudio Quintillán
Cesión da Illa de Tambo ao Concelllo de Poio
Diante da sinatura o dia 1 de Marzo da cesión da Illa de Tambo ao Concelllo de Poio por parte do Ministerio de Defensa, ábrese unha etapa na que será necesario aproveitar suas fortalezas para ser todo un referente da Comarca e de Galicia.
Pasados 20 anos dende a desafección para usos da defensa, a recepción desa illa para uso civil é unha moi boa nova da que participo como membro da Asociación Irmandade illa de Tambo polo papel xogado nestes 7 últimos anos incidindo diante das diferentes administracións públicas, tanto en Galicia como en Madríd, insistindo de forma constante no Concello de Poio, sendo testemuñas delo, as máis de 5.000 persoas que escoitaron unha e outra vez a situación na que estaba ese espazo nas visitas guiadas a Tambo organizadas por esta asociación.
Poucos lugares teñen na sua historia unha acumulación de datos tan importante nunha superficie tan pequena con repercusión a nivel educativo, cultural e turístico. Dende as pegadas da formación da Ría de Pontevedra, a súa evolución, a modificación das correntes polas intervencións na costa, monumentos naturais destacados, unha historia que fica acreditada ca presenza humana dende a prehistoria, con diferentes etapas de ocupación. 1000 anos de vida eremítica e monástica con capelas e mosteiro. Moitas lendas. As romarías de San Miguel. A sanidade marítima a partir da segunda metade do século XIX coa construción do lazareto e edificios afíns. Loitas xurídicas dos veciños e veciñas de Combarro usufructuarios da Illa de Tambo ao longo de varios séculos. Propiedade do avogado e político Eugenio Montero Rios, a través dun proceso pouco serio dominado polo caciquismo local. A planificación dunha penitenciaria militar e outras propostas. E como final, a presenza da Escola Naval Militar durante 60 anos.
Urxe elaborar un plano de protección e de usos para súa sustentabilidade e poñer a descuberto un patrimonio arqueolóxico que vai a aportar sorpresas polos datos que dispoñemos, xa que ao estar tantos anos baixo a presenza militar fixo que Tambo non entrara dentro da especulación urbanística e teña un territorio non demasiado alterado mantendo polo tanto eses vestixios.
Parabéns.
Asdo.: Claudio Quintillán Vallejo. Da Asociación Irmandade Illa de Tambo