Ana López
O audiovisual galego
Xa pasaron máis de 25 anos dende aquel 1989 no que sabiamos da primeira longametraxe en galego. 'Sempre Xonxa' supuxo unha revolución en toda Galicia, pero moi en especial en Pontevedra porque estaba protagonizada por unha profesora da cidade, Uxía Blanco, que cos anos se convertiría nunha asidua da pequena pantalla con diferentes papeis que a levarían a encarnar, na actualidade, á temible Dona Teresa, da exitosa serie televisiva 'Serramoura.
O audivisual galego pasou por moitos momentos dende entón e, pese ás dificultades propias do sector, seguíu unha traxectoria de crecemento que deixa tras de si títulos como A Esmorga, Celda 211, O apóstolo, Enrugas, Mareas Vivas, Pratos Combinados e unha longa lista de protagonistas como Luis Tosar, Antonio Mourelos, Miguel de Lira, Lucía Regueiro, Monti Castiñeiras, Ernesto Chao, Antonio Durán 'Morris' ou o xa desaparecido Xosé Manuel Olveira 'Pico'. Producións, actores e actrices forman parte dese legado cultural que se vai xestando cos anos. Fumos vendo como moitos deles maduraban e daban o salto ao cinema español e se facían un nome fóra de Galicia, aínda que sempre atoparon un oco para volver traballar na súa terra.
Onte pola noite celebrouse a gala de entrega dos Premios Mestre Mateo, un evento que non estivo exento de reivindicacións. A xenial Mabel Rivera, a mesma que nunha ocasión se negou a ceder a súa imaxe para un anuncio dunha entidade bancaria, pediu máis visibilidade para as producións galegas, que todas esas películas tan galardoadas vexan a luz e cheguen ao gran público. A ela, que xa ten demostrado sobradamente que ademais de boa actriz é boa persoa, colleuna por sorpresa o premio á Mellor Intérprete Feminina polo seu papel en 'Pazo de familia'.
Tamén houbo outros momentos emotivos, como na recollida do premio ao mellor documental para 'Angrois no esquecemento, no que se pediu "que de verdade se busque a verdade e se cree esa Comisión de Investigación na que se depuren responsabilidades" sobre o terrible accidente ferroviario; ou nas palabras de agradecemento da xornalista da TVG Marga Pazos aos seus pais por terlle falado na súa infancia en galego, unha lingua que lle permitiu traballar no seu país dende que tiña 21 anos.
Hai moitos motivos para sentirse orgulloso do noso audiovisual, ese filón unhas veces tan descoñecido polos propios galegos e tan inxustamente desprezado outras. Hai calidade, hai esforzo e hai moito enxeño detrás de cada unha das producións: longametraxes, curtas, documentais, series televisivas e de internet, animación... O que menos hai son cartos e medios. E iso é unha realidade indiscutible e evidente, aínda que non suficiente para que o sector non siga a pelexar por traballar moitos anos máis. Benvidos sexan.