Ana López
Ser apolítico
Un dos enriquecedores debates que xurdiu esta semana nun dos recesos da clase tratou sobre o carácter apolítico ou non das persoas. Alguén dixo que non lle interesaba a política, que non tiña nada que ver con el; outra persoa afirmou que había anos que non ía votar porque sentía que a súa elección caía en saco roto, e un terceiro asegurou que non hai mellor cousa que ser un ‘chaqueteiro’ e moverse segundo as conveniencias, que, se son laborais, mellor que mellor. Pero, sen dúbida algunha, a intervención que máis aportou ao grupo foi a daquel que nun momento dado plantexou que antes de nada teríamos que definir que é a política e canto deste significado afecta ás nosas vidas.
O máis interesante desta discusión –no sentido máis positivo da palabra– foi o feito de que tivese lugar entre persoas desempregadas, as que mellor poden falar con coñecemento de causa das consecuencias da actividade política en xeral, coa visión máis realista posible, tanto no que respecta aos cidadáns como aos propios gobernantes.
Declararse apolítico é doado e moi cómodo. Pero non fai falla escarvar moito para saber que todos e cada un de nós temos unha opinión formada –máis ou menos completa, máis ou menos firme– sobre os asuntos públicos que nos atinxen: a sanidade, a educación, a cultura, a economía… Ata dende a ignorancia máis absoluta sería falso dicir que somos apolíticos, porque nada do que acontece na sociedade nos é alleo e só por ese feito somos quen de avaliar, criticar ou eloxiar decisións ou directrices, consciente ou inconscientemente.
Incluso entre os que presumen a viva voz de ser apolíticos –que curiosamente adoitan ser os que máis clara teñen a súa ideoloxía– e os que cren que o son non hai ningunha diferenza. Cada un dos nosos xestos, cada unha das nosas escollas nos delata. Con iso tamén estamos a participar na sociedade e, polo tanto, facendo política. Para ben ou para mal de todos ou duns poucos.