Pontevedra en alarma: 98 días de peche

Pontevedra
30 de decembro 2021

A partir do 14 de marzo todo cambiou. Era un sábado. O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, anunciaba nunha comparecencia televisiva un ríxido confinamento durante quince días ordenando o peche dos negocios que non fosen de primeira necesidade. Finalmente houbo seis prórrogas do estado de alarma

Fotos do ano 2020 Diego Torrado

O ano empezara con moita intensidade informativa: o primeiro goberno de coalición da historia da democracia española, a sentenza do xuízo ao Procés, o 'pin parental'... Falábase do virus SARS-CoV-2 como un problema doutros que tiñan en China. As autoridades aconsellaban extremar as medidas de hixiene e pouco máis. Os sindicatos denunciaron esta actitude "neglixente" da administración sanitaria de Galicia.

E chegou aquel virus. O 4 de marzo que se detectou o primeiro contaxio en Galicia: un home de 49 anos que viaxara a Madrid a unha entrevista de traballo.

Ao día seguinte, desde a xerencia da área sanitaria de Pontevedra aseguraban estar preparados para afrontar a situación e sinalaban que "o manexo de pacientes con sospeita de coronavirus non é diferente ao manexo doutros pacientes que diariamente se atenden no sistema sanitario público galego"

Pero todo se precipitou a partir do 9 de marzo. A xornada seguinte da celebración das manifestacións polo Día da Muller saltaron todas as alarmas ao duplicarse a cifra de contaxios en España ata os 1.204 e elevarse a 28 as mortes.

O mércores 11 de marzo confirmábase o primeiro hospitalizado por coronavirus en Pontevedra, un home de 45 anos que viaxara a Madrid días atrás. Ese mesmo día a ex ministra Ana Pastor anunciaba que tamén se contaxiara e levaba varios día de corentena na súa casa de Pontevedra. 

As cancelacións de eventos de todo tipo caían unha detrás doutra coma fichas de dominó. Entre as máis importantes Educación suspendía as clases en Galicia e tamén o facían os empresarios do lecer nocturno. A movida pontevedresa pechaba voluntariamente as súas portas.

A Xunta de Galicia declaraba a situación de emerxencia sanitariaen toda a comunidade autónoma, era venres 13 de marzo.

A partir do 14 de marzo todo cambiou. 

Era un sábado. O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, anunciaba nunha comparecencia televisiva un ríxido confinamento durante quince días ordenando o peche dos negocios que non fosen de primeira necesidade.

Ao día seguinte, o Sergas confirmaba a primeira morte en Pontevedra polo coronavirus:un home de 81 anos ingresado en Montecelo. Ese día a Consellería de Sanidade contabiliza xa 13 casos confirmados de coronavirus nesta área sanitaria.

Entón vimos como se pechaban as fronteiras, as rúas e estradas baleirábanse de golpe e o Exército sumábase ao control e a fiscalización de movementos. Era para quince días pero finalmente houbo seis prórrogas do estado de alarma. 98 días de confinamento nas casas.

Nos primeiros momentos houbo algunhas tensións que se reflectían nos supermercados e que xeraron problemas de abastecemento. O papel hixiénico desaparecía nos lineais.

Os contaxios e as mortes crecían exponencialmente. Os sanitarios asumiron a primeira liña da fronte na batalla contra a novo Covid-19. A cidadanía recoñeceulles o seu traballo coma heroes. En marzo os profesionais da medicina acaparaban o 12% dos casos de infectados.

Xurdía entón a Pontevedra dos balcóns co tributo aos sanitarios no aplauso das oito da tarde. Un agradecemento e un desafogo que logo se ampliaría con ovacións aos traballadores dos supermercados, ao Exército, os policías, os gardas civís, o persoal de limpeza, incluso unha cacerolada contra a monarquía

Foron días para descubrir aos veciños de en fronte. Algúns desataron a súa vea artística e outros o seu enxeño para a festa, personaxes como Johny Guimil ou Petete coa súa creatividade desbordante para animar a todo o barrio

Tamén emerxeu outro fenómeno coa pandemia: o dos policías de balcón, eses shériff de escaleira que sinalaban desde as súas xanelas actitudes reprochables e mesmo vergoñentas, que as houbo desde o primeiro día do estado de alarma e que, algunhas, derivaron en multas. Naqueles días o paseo das mascotas converteuse nun privilexio.

O confinamento tamén disparou o uso das redes sociais e as novas aplicacións para videoconferencias. Chegou o teletraballo. Menos mal que non fallou internet porque o confinamento non tería sido igual de soportable sen os chats, os maratóns de Netflix, os videoxogos en rede e as conversas ata a madrugada.

O único que demostrou non estar á altura das novas tecnoloxías foi o sistema educativo por falta de recursos e de preparación nos docentes.

Tres problemas agravábanse cada día. Por unha banda os ERTE disparábanse, faltaba material de protección sanitaria ou o que había era inservible e, o máis grave, empeoraba a situación dos centros sociosanitarios e de atención a maiores. O 40% dos falecidos en Galicia estaba en residencias.

O 15 de abril Galicia superou a fase aguda e a taxa de contaxios empezou a baixar, dobregamos a curva e empezaron as flexibilizaciones. Despois de 43 días encerrados os nenos volveron correr, era 26 de abril, unha hora diaria, cun adulto e nun radio dun quilómetro. Máis tarde os paseos convertéronse en rutina cinguida ás franxas horarias. A desescalada avanzou en fases e o problema sanitario quedou a un lado para dar lugar á política e o enfrontamento. 

Polo camiño tivemos que afacernos ao xel de mans, ás máscaras das que nos fixemos inseparables. Aos poucos deixáronnos saír de paseo, volver aos bares e a dar vida á cidade. Chegou o verán e con el os turistas. Lanzámonos ás praias. Si, confiámonos. Non venceramos ao virus. Aínda nos tiña reservada (outra) desagradable sorpresa.