O son das potas reclamando a transferencia de cartos do rei emérito acompaña a mensaxe de Felipe VI polo coronavirus

Por Redacción
Nestes tempos de confinamento, as xanelas, terrazas e balcóns convertéronse na mellor fórmula para mostrar solidariedade e admiración coas persoas que están a loitar para evitar que se continúe expandindo o coronavirus ou coas que están a realizar traballos de primeira necesidade. Pero estes espazos exteriores tamén serven para que a cidadanía traslade a súa protesta ou as súas reclamacións.
Na noite deste mércores 18, un bo número de pontevedreses sumáronse á campaña que se move nas redes #FelipeReacciona. Nela pídese ao actual monarca que obrigue ao seu pai, o rei emérito, a que transfira o diñeiro da conta descuberta en Suíza, uns 100 millóns de euros, para que ese diñeiro reverta na Sanidade Pública.
Esta campaña desenvolveuse xusto cando o rei Felipe VI pronunciaba a súa mensaxe no que pedía á cidadanía que dea exemplo de "responsabilidade, sentido do deber, civismo e humanidade, entrega e esforzo e, sobre todo, de solidariedade" co obxectivo de enfrontarse a unha situación "nova e distinta, sen precedentes, moi seria e grave, que pon en risco a nosa saúde en cada recuncho de España" en referencia á presenza do COVID-19.
"Agora temos que resistir, que aguantar e temos que adaptar os nosos modos de vida e os nosos comportamentos ás indicacións das nosas autoridades e ás recomendacións dos nosos expertos para gañarlle ao virus", indicou o monarca para sentenciar indicando que o virus "non nos vencerá, ao contrario, vai facer máis fortes como sociedade".
Mentres a mensaxe do rei soaba en televisores, radios e dispositivos móbiles; nas rúas escoitábanse os golpes contra as cazolas reclamando a Felipe VI que faga que Juan Carlos I destine o diñeiro que lograse ilegalmente á sanidade pública para facer fronte a este momento de crise. O rei non fixo mención algunha a esta cuestión na súa mensaxe.
Cazolada en rúas de Pontevedra durante a mensaxe de Felipe VI
Un bo grupo de pontevedreses sumáronse á campaña #FelipeReacciona para reclamar ao monarca que obrigue a Juan Carlos I a transferir os cartos obtidos ilegalmente á Sanidade Pública neste momento da crise do coronavirus
© PontevedraViva
Relacionadas:
-
Reclaman que Sanxenxo retire o nome de "Juan Carlos I" ao porto deportivo
Por Alejandro Espiño |
-
Protesta da CIG para reclamar medidas de protección social xustas
Por Anxo Lourido |
-
Cacerolada nas fiestras convocada pola CIG para esixir medidas de protección social xustas
Por Redacción |
-
O aplauso ao persoal sanitario é "un chute de ánimo"
Por Oskar Viéitez |
-
VÍDEO.- Toda Pontevedra transfórmase nun aplauso colectivo en apoio ao persoal sanitario
Por Natalia Puga |
-
VIDEO.- Pontevedra súmase ao aplauso colectivo á loita incansable do persoal sanitario fronte o coronavirus
Por Alejandro Espiño |