As lesións deixan o Talavera sen laterais para recibir o Pontevedra
Por Diego Espiño
Se a situación do Pontevedra Club de Fútbol na clasificación é delicada, a catro puntos da salvación, a do seu próximo rival en liga, o Talavera, é dramática.
A catro xornadas para o final da competición o cadro manchego é pechacancelas a 8 puntos da permanencia, cunhas opcións de salvarse que son xa escasas. A pesar diso o seu técnico, Pedro Díaz, segue crendo que é posible o milagre.
"Matematicamente non estamos descendidos. No mundo do fútbol vin moitas cousas, algunhas que non crerías. Chámame iluso pero sigo nos meus trece e sigo pelexando. Quero gañar estes catro partidos", asegurou este xoves en rolda de prensa o adestrador talaverano. "Sei que está dificilísimo, que é unha carambola, pero é que vin de todo. O meu obxectivo é gañar os catro partidos e logo esperar", insistiu.
Díaz pide aos seus non mirar xa á táboa clasificatoria e "quitarnos esa presión, a saír a xogar o partido e a gañar, porque non hai outra".
Ademais o preparador do Talavera recoñeceu que o seu equipo chegará visiblemente minguado á cita do próximo domingo (12.00 horas) no Estadio Municipal El Prado por culpa das lesións, que ademais se cebaron especificamente nun posto, o de lateral defensivo.
Con Brau, lateral zurdo titular, de baixa por unha rotura do ligamento cruzado do seu xeonllo, e Carlos Parra, habitual no costado destro tamén lesionado, o último en caer esta semana foi Lucas Alcázar, defensor zurdo con "un ligamento do nocello roto e perdémolo para o que queda de tempada", confirmou Pedro Díaz.
"Só teño un lateral dispoñible no plantel. Faremos cambios e meteremos outros xogadores", explicou o técnico.
Por último Pedro Díaz referiuse ao Pontevedra como "un equipo difícil de analizar porque cambia moito, tan pronto xoga con 5 atrás como 4-2-3-1, tan pronto sae de atrás como pega en longo. Adáptanse moito ao rival e non sabemos moi ben que esperar". Con todo, afirma, "é un rival dos que está metido abaixo, que se está xogando o salvarse e queremos gañarlles".
Relacionadas:
-
Un Pontevedra sen ambición naufraga en Talavera e deixa escapar o tren da permanencia (4-2)
Por Diego Espiño |
-
O Pontevedra, obrigado a gañar o pechacancelas no "partido máis difícil de todos"
Por Manu Otero |
-
Brais Abelenda adéstrase con normalidade e apunta á 'final' de Talavera
Por Diego Espiño |
-
Terceira semana de 'lei do silencio' no Pontevedra
Por Diego Espiño |
-
Organizan unha viaxe gratuíta en autobús para apoiar o Pontevedra en Talavera
Por Redacción |
-
A dobre cara do Pontevedra de Señor: números de ascenso en Pasarón e de pechacancelas a domicilio
Por Diego Espiño |
-
Remonta do Pontevedra diante do Sanse para avivar a esperanza da permanencia (2-1)
Por Manu Otero |