O balón parado condena a un Pontevedra falto de ideas en León (2-0)
Por Almu Dapena
O Pontevedra CF segue sumido nun pozo do que é incapaz de saír. É incapaz de gañar a domicilio e o que é peor, os xogadores son incapaces de transmitir boas sensacións sobre o verde.
E iso pasou este sábado ante a Cultural Leonesa no Reino de León, onde foron castigados tanto no resultado como a nivel de xogo, ofuscados en tarefas ofensivas e condenados polo balón parado.
Empezou a Cultural pisando área pontevedresa nada máis pitar o árbitro o inicio. Non se cumpriron nin tres minutos e Álvaro Cortés tivo que intervir, por partida dobre, para frear un disparo de Muguruza e outro de Solís moi perigosos.
Non estaban a saír ben as cousas ao Pontevedra, e máis cando o conxunto local adiantouse no marcador. Churre derrubou a Roberto Alarcón ao bordo da área, o colexiado pitou falta e amoestou con cartolina amarela ao central pontevedrés. E desa falta directa chegou o gol, Alarcón encargouse de disparar e enchufó o esférico na escuadra esquerda da portería de Cortés.
Gol da Cultural Leonesa!
— En Xogo tvG2 (@EnXogo_tvG2) October 22, 2022
Roberto Alarcón marca cun bo lanzamento de falta directa no minuto 12@CyDLeonesa - @PontevedraCFSAD pic.twitter.com/AoRRIj4XCz
As ocasións seguían chegando de todas as formas para os de León que, cunha alta presión, anticipábanse a cada pase do Pontevedra, ao que lle custaba sangue, suor e bágoas saír do seu propio campo.
Conseguiron os de Antonio Fernández cando a primeira parte chegou á súa ecuador, pero era a Cultural a que xeraba perigo e impoñía o seu xogo. Os granates eran incapaces de sacar o balón, eran incapaces de chegar á área de Salvi Carrasco e, en definitiva, de atacar. Non había continuidade no xogo e urxía un cambio inminente tanto nas botas dos xogadores -que non paraban de escorregar- e na táctica.
Foi cando se chegou ao minuto 38 cando o Pontevedra pareceu espertar cunha primeira aproximación cun centro desde a dereita e un disparo mordido de Álex González que se foi sen perigo por fóra da portería local.
Creceron os granates antes de alcanzar o descanso e xogaron os seus mellores minutos obrigando á Cultural a esforzarse en tarefas defensivas para aguantar o resultado e chegar ao intermedio co marcador a favor.
Tras pasar polo intermedio os locais seguiron sendo superiores e tiveron o segundo gol nun remate de cabeza de Amelibia tras un córner, mentres os granates, salvo un pitado Yelko, estaban estancados.
O duelo púxose peor para o Pontevedra de novo a balón parado. Amelibia lanzouse en ferro para cabecear o saque de esquina, o balón deulle a Borja Domínguez, que substituíu no descanso a Seoene, e caeu nas botas dun Pablo Trigueros que rematou dentro da área pequena a segunda acción e a enchufó na portería de Cortés.
Amplía a vantaxe a Cultural!
— En Xogo tvG2 (@EnXogo_tvG2) October 22, 2022
Marca Pablo Trigueros nunha acción a balón parado@CyDLeonesa - @PontevedraCFSAD
Estamos no minuto de partido pic.twitter.com/hrnHvFhIv6
Moveu ficha Antonio Fernández, fortalecendo o medio centro acumulando un home máis coa entrada de Mario Ortiz en lugar de Yelko e a Charles por Rufo, que se foi do terreo de xogo sen tocar o esférico en todo o partido.
Cambiou o guion despois dos cambios e as accións perigosas, aínda que non moi claras, chegaron para o Pontevedra, pero seguía sendo a Leonesa a máis cómoda sobre o verde e a que gozaba de máis córneres que, para fortuna granate, non atopaban rematador.
Os minutos caían pero nada ocorría, ata que Salvi Carrasco interveu por primeira vez en todo o partido e por partida dobre cando se alcanzou o minuto 87. Pero os granates, ofuscados nas súas tarefas ofensivas, vían como se lle escapaban todas as opcións de rascar algún beneficio da súa visita ao Reino de León.
CULTURAL LEONESA (2): Salvi Carrasco, Muguruza, Trigueros, Jon Amelibia, Joel López, Tarsi, Kevin Presa (Castañeda, min. 82), Solís (Cristian Pérez, min. 63), Roberto Alarcón (Néstor Querol, min. 70), Diego Percan (Íñigo Muñoz, min. 70) e Obolskii (Blesa, min. 82).
PONTEVEDRA CF (0): Álvaro Cortés, Ángel Bastos, Churre (Jon Bakero, min. 78), Miguel Román, David Soto, Álex González, Brais Abelenda, Rufo (Charles, min. 59), Yelko Pino (Mario Ortiz, min. 59), Oier Calvillo (Martín Diz, min. 70) e Seoane (Borja Domínguez, min. 45).
Goles: 1-0, Roberto Alarcón (min. 10). 2-0, Pablo Trigueros (min. 57).
Incidencias: Partido correspondente á novena xornada de Primeira RFEF disputado no Reino de León ante máis de 3.800 espectadores.
Relacionadas:
-
Agónico triunfo e homenaxe a Neme en Pasarón (2-1)
Por Almu Dapena & Cristina Saiz |
-
Pasarón, o talismán ao que se encomenda o Pontevedra para levantar o voo
Por Diego Espiño |
-
Freada con Seoane e precaución cos xogadores que saen de lesión
Por Diego Espiño |
-
O Pontevedra estrea servizo de venda en liña de entradas
Por Redacción |
-
A baixa de Yelko por sanción abre novas opcións no once do Pontevedra
Por Diego Espiño |
-
Peche de filas no Pontevedra ao redor de Antonio Fernández
Por Diego Espiño |
-
O Manresa de Segunda RFEF, rival do Pontevedra na primeira rolda da Copa do Rei
Por Diego Espiño |
-
Antonio Fernández, tras a derrota ante a Cultural Leonesa: "Nos hemos visto sobrepasados"
Por Almu Dapena |
-
O Reino de León, un escenario que se lle resiste ao Pontevedra
Por Diego Espiño |
-
O Pontevedra busca en León "afastar pantasmas" contra un equipo que nunca empata
Por Manu Otero |
-
Álvaro Cortés: "Hai que ter tranquilidade, cremos que as cousas van ir saíndo"
Por Diego Espiño |
-
Samu Araújo, único futbolista a menor ritmo no Pontevedra
Por Diego Espiño |
-
Viaxe organizada por 45 euros para acompañar o Pontevedra a León
Por Redacción |
-
Antonio Fernández busca o seu once: oito xornadas con oito aliñacións diferentes
Por Diego Espiño |
-
O Pontevedra salva un punto 'in extremis' ante un superior Celta B (1-1)
Por Almu Dapena & Cristina Saiz |
-
O Pontevedra estrélase no minuto 87 en Linarejos (1-0)
Por Almu Dapena |