O Pontevedra busca en León "afastar pantasmas" contra un equipo que nunca empata
Por Manu Otero
Poñer punto e final á serie de cinco partidos sen gañar é o obxectivo que se marca o Pontevedra para o partido deste sábado (19 horas) no Reino de León fronte á Cultural Leonesa, un equipo que suma catro vitorias e outras tantas derrotas no primeiras oito xornadas de liga.
"Necesitamos gañar para afastar pantasmas, non só clasificatorios, que é moi pronto para iso, senón para demostrar que o equipo sabe gañar e vai gañar moitos partidos", declarou o adestrador Antonio Fernández na rolda de prensa previa ao encontro da fin de semana. Non hai medo no vestiario granate á visita a un dos equipos con maior historia da categoría. "Calquera rival é complicado nesta categoría", admite Fernández Rivadulla, quen se mostra convencido de que o vindeiro sábado o Pontevedra cambiará a dinámica.
A traxectoria do conxunto leonés convida tamén o optimismo dos de Pasarón porque "é un rival que non empata, gañan ou perden", sinala o técnico facendo fincapé na mentalidade dun rival que "cre moito en non encaixar e, a partir de aí, materializar as súas ocasións".
A pesar desa mentalidade defensiva, a Cultural Leonesa recibiu xa neste arranque ligueiro un total de once tantos, polos oito encaixados polo Pontevedra. Aínda que é certo que os leoneses se mediron xa con rivais da talla do Racing de Ferrol, Córdoba e Alcorcón, cos que caeron derrotados con claridade. Pola contra, en ataque son máis produtivos que os granates e acumulan 10 tantos a favor polos seis do Pontevedra, que quedou sen ver porta en catro encontros.
A fraxilidade defensiva do rival é un dato para ter en conta e Antonio Fernández considera que "ten que servirnos para mellorar niso que tanto nos está custando". "O equipo xera moitas ocasións e hai que insisitr porque ten que chegar. A semana de traballo foi boa, o equipo hase encotrado cómodo e seguimos insistendo niso e noutras cousas que nos teñen que dar argumentos suficientes para facer dano á Cultural no seu campo", explicou Antonio en referencia ás transicións defensivas que tanto dano fixeron aos granates en Mérida. "Están a suceder menos", recoñece.
Tamén se mostra satisfeito o adestrador pontevedrés co rendemento dos seus en defensa. "Eu quería un equipo que encaixase pouco e estámolo tentando conseguir. É certo que contaba cunha bagaxe ofensiva moita maior do que levamos e iso daríanos máis puntos. Pero atopámonos con esta situación e hai que seguir insistindo no que facemos ben, que é que sabemos ao que xogamos", argumenta á vez que admite que aínda hai "facetas a mellorar" como "non encaixar goles neses minutos nos que non nos dá tempo a rectificar como ocorreu na Coruña ou Linares".
A pesar de que as sensacións a nivel de xogo seguen sendo positivas, admite o preparador que ao equipo está a custarlle crecer a nivel anímico porque o traballo exhibido no terreo de xogo non está a dar os seus froitos en forma de puntos. "Non hai frustración, hai que seguir insistindo", remarca.
A seca goleadora que atravesan os dous principais noves do equipo pode ser unha das causas dos problemas anotadores do Pontevedra. E o debate sobre a titularidade de Charles ou Rufo, a presenza de ambos no once ou a posibilidade de que partan os dous como suplentes volve estar candente. "A xente pode entender que por xogar con dúas puntas natos o equipo vai ter máis gol, pero poñelos faríanos cambiar a nosa forma de entender o xogo. Teriamos que xogar máis directos ou buscar centros rápidos para atopar eses espazos aos dianteiros. pero poderiamos perder ese traballo no medio do campo que eles non nos poden facilitar se están os dous á vez. Vai haber veces que sexa vexa ese binomio Charles Rufo. Estou moi contento cos dous, traballan moi ben. Pero tamén poden xogar Brais e Bakero", matiza o adestrador nado en Ourense.
Para o encontro do sábado, non poderá contar Antonio Fernández cos lesionados Samu Araújo nin Luís Martínez, que poderían reincorporarse á dinámica do grupo a próxima semana. O resto, incluídos Seoane e Borja Domínguez, xa están ao dispor do técnico.
Tamén Alberto Rubio, que o pasado sábado foi substituído minutos depués de saltar ao campo. Unha decisión que o adestrador explicou despois ao xogador e que xa se está completamente resolta. "É o primeiro cambio moitas veces, tamén foi titular. Iso é porque lle teño moita confianza e (o cambio) foi tamén unha forma de estimulalo, pode dar máis porque ten a calidade e ten que axudar máis. A ninguén lle gusta tomar ese tipo de decisións, pero tentei dar un envorco e atopámonos o empate", concluíu.
Relacionadas:
-
O balón parado condena a un Pontevedra falto de ideas en León (2-0)
Por Almu Dapena |
-
O Reino de León, un escenario que se lle resiste ao Pontevedra
Por Diego Espiño |
-
Álvaro Cortés: "Hai que ter tranquilidade, cremos que as cousas van ir saíndo"
Por Diego Espiño |
-
Samu Araújo, único futbolista a menor ritmo no Pontevedra
Por Diego Espiño |
-
Viaxe organizada por 45 euros para acompañar o Pontevedra a León
Por Redacción |
-
Antonio Fernández busca o seu once: oito xornadas con oito aliñacións diferentes
Por Diego Espiño |
-
Antonio Fernández: "Teño que dar un reforzo positivo ao equipo, que demostrou caste, creu ata o final e non baixou os brazos"
Por Almu Dapena & Cristina Saiz |
-
O Pontevedra salva un punto 'in extremis' ante un superior Celta B (1-1)
Por Almu Dapena & Cristina Saiz |