Os mundiais de loitas olímpicas e Grappling traerán a 1.100 deportistas de 80 países a Pontevedra durante dúas semanas
Por Manu Otero
O foco mundial do deporte da loita estará posto sobre Pontevedra durante o próximo mes de outubro. A cidade do Lérez será sede, entre o 10 e o 23 de outubro, dos campionatos do mundo de Grappling Ji, Grappling sub 17, sub 20 e absoluto e do mundial sub 23 de loitas olímpicas, que engloba as disciplinas de loita grecorromana, loita libre feminina e loita libre masculina. Un total de sete campionatos do mundo que traerán á capital das Rías Baixas a uns 1.100 deportistas de 80 países.
O número sería aínda maior de non ser pola invasión rusa de Ucraína, que levou á United World Wrestling a vetar a participación dos loitadores destes dous países en competicións oficiais. Unha decisión que implica unha perda de calidade na competición, posto que Rusia e Bielorrusia son as grandes potencias mundiais nestes deportes; e, ao mesmo tempo, sitúa aos loitadores de Grappling españois como os principais favoritos a facerse coas medallas.
As datas nas que se celebrarán os distintos campionatos quedaron confirmadas esta martes despois da reunión do comité organizador que tivo lugar no Concello de Pontevedra. O mundial absoluto de Grappling Ji celebrarase entre o 10 e o 13 de outubro. Nas dúas xornadas posteriores terán lugar os campionatos de Grappling e, desde o 17 ao 23 de outubro disputarase o mundial sub 23 de loitas olímpicas.
"Ningunha cidade do mundo, nin Bakú, nin Budapest, logrou organizar un evento deste nivel", destacou o presidente do comité organizador e seleccionador nacional, Pablo Pintos. "É unha forma de facer historia", engadiu con orgullo e agradecendo o traballo dos técnicos municipais, da Deputación e das federacións española e galega para planificar e organizar quince días de intensa actividade competitiva.
O centro neurálxico dos campionatos será o Pavillón Municipal, que está a piques de rematar as obras de remodelación. Na pista deportiva instalaranse tres tapices, mentres que na parcela traseira colocaranse tres carpas que servirán para que os loitadores realicen exercicios de adestramento e quecemento. Así mesmo, o Recinto Feiral será o lugar ao que acudan os deportistas para comer e a realizar as distintas pesadas, segundo explicou o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores.
A celebración de estes campionatos obligará a facer as maletas aos dous equipos de balonmán da cidade. Mentras duren os mundiais, o Cisne xogará no pavillón de Príncipe Felipe e o Teucro, no CGTD.
Na comparecencia participaron o deputado de Deportes, Gorka Gómez; os presidentes das federacións española e galega de loita, Francisco Javier Iglesias Serna e Jose Luís Olazábal; así como o director do comité organizador, Pablo Pintos. Todos eles coincidiron ao sinalar os beneficios económicos que traerá á cidade a organización dun evento destas características e a complexidade do traballo realizado polos técnicos para organizalo todo.
"Por cada euro de investimento público, hai catro euros de retorno", asegura Pintos para dar unha imaxe da rendibilidade que ten para o tecido empresarial da cidade que o Concello aposte polo turismo deportivo. Durante 15 días, deportistas, técnicos, árbitros e acompañantes hospedaranse en hoteis de Pontevedra e Sanxenxo.
No plano deportivo, recoñecen desde os entes federativos que en Grappling tanto Galicia como España son unha potencia, pero nun deporte menos minoritario como as loitas olímpicas "somos un país en progresión", recoñeceu Iglesias Senra, convencido de que aos poucos as diferenzas entre a loita española coas grandes potencias de Estados Unidos e o leste de Europa iranse reducindo.
Relacionadas:
-
Pontevedra inaugura o Mundial Sub23 de Loita mirando cara ao futuro: "Agardamos acoller algún Europeo absoluto"
Por Diego Espiño & Mónica Patxot |
-
Yui Susaki, unha campioa olímpica e mundial que busca en Pontevedra o 'Grand Slam' da loita
Por Diego Espiño |
-
Nove mundiais, setenta países e 1.100 deportistas para "o evento de loita máis importante da nosa historia"
Por Manu Otero & Mónica Patxot |
-
Pontevedra, preparada para ser sede da loita mundial durante as próximas dúas semanas
Por Redacción |
-
Retoques finais ás obras de Pavillón Municipal dos Deportes
Por Diego Espiño & Mónica Patxot |
-
O Mundial Absoluto de Grappling poñerá a guinda a un outubro máxico para a loita en Pontevedra
Por Redacción |
-
Confirmado o veto aos loitadores rusos e bielorrusos, que non estarán nos mundiais de Pontevedra
Por Redacción |
-
Pontevedra prepárase para un 2022 cheo de deporte internacional
Por Redacción |
-
A Federación Internacional ratifica por carta a Pontevedra como sede do Mundial Júnior 2024 de loita
Por Diego Espiño |
-
Pontevedra, capital da loita: Acollerá o Mundial de Grappling Cadete-Júnior 2022 e o Mundial Júnior 2024
Por Diego Espiño |