Retoques finais ás obras de Pavillón Municipal dos Deportes
Por Diego Espiño & Mónica Patxot
Fíxose de rogar pero o Pavillón Municipal dos Deportes está listo, a falta duns últimos retoques, para volver á actividade tras as obras de mellora acometidas coa renovación da pista de xogo e accións de accesibilidade.
"Imos xustos de tempo, é certo, pero temos que telo terminado este xoves para iniciar a montaxe dos Mundiais de loita", recoñeceu este martes o concelleiro de Deportes, Tino Fernández, nunha visita ás instalacións.
Estes campionatos, empezando polo Mundial da modalidade de Grappling (12-15 outubro) e continuando cos Mundiais Sub-23 de Loitas Olímpicas (17-23 de outubro), necesitan dunha serie de infraestruturas, polo que "o compromiso da empresa é que mañá (mércores 5) todo o que é necesario que estea terminado estará terminado, basicamente a zona perimetral e a zona de entrada. Logo se dá tempo pintarase o que falta do terreo de xogo pero se non quedará para despois", asegura o edil.
Este último detalle, o pintado da pista, é o que marcará a data definitiva de posta ao dispor do Pavillón Municipal para os clubs da cidade, pero en todo caso "en canto termine o Mundial de loita xa poderían utilizalo os equipos. Se non dá tempo a pintar agora a pista habería que terminalo, pero sería xa cuestión de días a partir de que terminen os mundiais", confirma o responsable muncipal de Deportes.
Ademais dos equipos que, como o Cisne na Liga Asobal, volverán xogar os seus partidos en casa no Municipal (o Cisne regresará o 5 de novembro fronte ao Bidasoa), o principal pavillón da cidade acollerá ata final de ano varios eventos máis, como Campionato Internacional Cidade de Pontevedra de taekwondo (29 de outubro a 1 de novembro) ou os Campionatos de España de Karate Sub-21, Júnior e Cadete (25-27 de novembro).
Relacionadas:
-
Nove mundiais, setenta países e 1.100 deportistas para "o evento de loita máis importante da nosa historia"
Por Manu Otero & Mónica Patxot |
-
Pontevedra, preparada para ser sede da loita mundial durante as próximas dúas semanas
Por Redacción |
-
O Consello Superior de Deportes concede unha subvención de case 140.000 euros para as obras do Municipal
Por Redacción |
-
Os mundiais de loitas olímpicas e Grappling traerán a 1.100 deportistas de 80 países a Pontevedra durante dúas semanas
Por Manu Otero |
-
Dúas empresas optan á renovación do pavimento do Pavillón Municipal
Por Redacción |
-
Deportes ultima a renovación da pista do Municipal e a cuberta do Multiusos
Por Alejandro Espiño |