O equipo feminino do TM Monte Porreiro, inmerso na carreira polo ascenso, recibe o respaldo do Concello
Por Redacción
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e o concelleiro de Deportes, Tino Fernández, recibiron este mércores o equipo feminino do Tenis de Mesa Monte Porreiro que loitará polo ascenso á Superdivisión feminina, a máxima categoría competitiva do Estado neste deporte.
Varias integrantes do equipo que competirá por facer posíbel este fito para a Boa Vila achegáronse até o Concello, xunto co adestrador Nando Álvarez que explicou que este "era un intre moi especial despois dunha tempada tan complexa. Foi un ano difícil polas lesións, pola covid e por ser unha liga moi competitiva; pero tamén espectacular. As rapazas demostraron un nivel enorme, con resultados individuais moi bos e estamos nun intre moi bo en todos os sentidos. Representaremos a Pontevedra con tres rapazas galegas en San Sebastián de los Reyes, algo que nos fai estar moi contentos".
O concelleiro de Deportes, Tino Fernández quixo facer fincapé "no impulso que o deporte feminino está a ter nos últimos tempos en Pontevedra. Nos últimos días varios equipos femininos desta cidade están loitando ou loitaron por subir de categoría. Estamos nun momento brillante, do que temos que estar satisfeitos, pero só moderadamente... Nós somos unha cidade ambiciosa, e estamos convencidos de que aínda temos moito camiño por percorrer no mundo do deporte, e máis no mundo do deporte feminino".
O edil lembrou a necesidade de implicación dos clubs e das persoas á hora de lograr estes fitos, das horas que precisan logros así e levar adiante proxectos como o Tenis de Mesa Monte Porreiro.
Pola súa banda, o rexedor da cidade, Miguel Anxo Fernández Lores, lembroulles ás xogadoras que "moitos e moitas imos estar con vós nesa fase de ascenso, sentiredes o alento da cidade aínda que sexa por Internet. Estades xogando polo ascenso a máxima categoría do tenis de mesa en España, e iso é algo único para nós. Xa é un fito loitar por isto, e xa será incríbel se o logrades. É un éxito para o deporte feminino pontevedrés e, por suposto, para o deporte en xeral da nosa cidade".
"As pontevedresas son quen de competir en calquera sitio e moitas veces con menos recursos que outros equipos, por iso debedes sentirvos satisfeitas do traballo conseguido. Unha alegría tervos hoxe aquí e nuns días loitando por ese ascenso. Seguiremos moi de preto os resultados, por todas as vías que poidamos, e agardo recibirvos aquí, a vindeira vez, como un equipo xa de Superdivisión, que sería o único de Galicia, un éxito espectacular. Nós faremos o máximo esforzo para que teñades as instalacións que merecedes e polo traballo de máis de vinte anos que leva realizado o Monte Porreiro", finalizou o alcalde.
Relacionadas:
-
Judith Cobas roza o triunfo no Spain Masters de tenis de mesa
Por Redacción |
-
O TM Monte Porreiro perde ante o Sant Cugat e despídese do ascenso (4-0)
Por Almu Dapena |
-
Os equipos femininos do CW Pontevedra e TM Monte Porreiro xóganse o ascenso a Primeira
Por Redacción |
-
O ascenso a Superdivisión feminina, a punto de caramelo para o TM Monte Porreiro
Por Almu Dapena & Cristina Saiz |
-
O TM Monte Porreiro está a un paso da final polo ascenso á Superdivisión feminina
Por Redacción |