O TM Monte Porreiro está a un paso da final polo ascenso á Superdivisión feminina
Por Redacción
O equipo feminino do Tenis de Mesa Monte Porreiro ten ao alcance da súa man o ascenso á máxima categoría do tenis de mesa estatal. Despois dunha tempada marcada por un sistema de competición novo que converteu cada partido nun match ball, o equipo pontevedrés está a un só partido de meterse na fase final polo ascenso.
Despois de acabar a tempada regular en segunda posición e superar dúas eliminatorias, as pontevedresas lograron derrotar a pasada fin de semana a domicilio ao Leganés Rivas por 2-4.
Unha vitoria meritoria porque tiveron que viaxar a Madrid con dúas sensibles baixas por covid-19, a prometedora Mariña García entrou na convocatoria para suplir esas baixas e fíxoo da mellor maneira posible, arrincando un punto á madrileña María López.
O partido de volta está previsto para este domingo en Pontevedra e as galegas sairán a gañar a pesar de que lles vale unha derrota pola mínima para pasar como primeiros de grupo á fase de ascenso definitiva. Un playoff, cuxo sistema de competición está aínda por definir e que terá a localidade madrileña de San Sebastián de los Reyes como sede, no que os primeiros clasificados terán unha dobre oportunidade para asaltar o ascenso á Superdivisión.
Pase o que pase o domingo, o TM Monte Porreiro ten asegurada a súa presenza na fase final, pero facelo como primeiro de grupo deixaría o ascenso para o cadro pontevedrés a un só paso.
Relacionadas:
-
O equipo feminino do TM Monte Porreiro, inmerso na carreira polo ascenso, recibe o respaldo do Concello
Por Redacción |
-
O ascenso a Superdivisión feminina, a punto de caramelo para o TM Monte Porreiro
Por Almu Dapena & Cristina Saiz |
-
Resultados dispares para o TM Monte Porreiro no play-off polo título masculino e de ascenso feminino
Por Redacción & Cristina Saiz |
-
Momento decisivo para o TM Monte Porreiro, co inicio do play-off polo título masculino e de ascenso feminino
Por Redacción |