Un chispazo de Miki condena a un Pontevedra negado de fronte ao gol (0-1)
Por Manu Otero & Cristina Saiz
O Pontevedra despídese das súas opcións de acabar a primeira fase entre os tres primeiros e acceder de forma directa á Primeira RFEF. A falta de acerto volveu lastrar de novo aos de Pasarón, que estrelaron dous balóns no pau e foron incapaces de dar a volta ao tanto inicial de Miki. O exgranate liderou o ataque dun Compostela que soubo contrarrestar as virtudes dos de Luisito e aproveitar a súa oportunidade para amarrar os tres puntos.
O guion estaba a ser o previsto. Os visitantes ben plantados no campo e dominando o balon, o Pontevedra presionante e aproveitando a súa velocidade en ataque. O Compostela golpeou primeiro e Luisito cambiou o debuxo con dous cambios temperáns. Creceron os granates e acumularon ocasións e incontables chegadas á área que non souberon transformar en gol.
No segundo tempo, as forzas dos locais comezaron a fraquear e o Compostela puido sentenciar ao contragolpe. O Pontevedra, coa banda dereita desaparecida, cargou sempre pola esquerda. Pero nin o empeño de Álex González nin a perseveranza de Rufo foron suficientes para igualar a contenda e a clasificación, na que o Pontevedra permanece na zona vermella e moi lonxe do catro santiagués.
Empezou o partido da peor maneira para os granates. E iso que a primeira ocasión de perigo foi para os de casa, pero o centro de Oier, que entrou como un puñal pola banda dereita, non atopou rematador. Si que castigou o Compostela na súa primeira acción de perigo, Brais filtrou un balón ás costas de Eneko e por alí entrou a toda velocidade Miki para plantarse diante de Mario e cruzar un preciso disparo para adiantar aos seus.
Os de Luisito non acusaron o golpe e seguiron buscando a meta rival. O Compostela, cómodo coa posesión, deu un paso atrás para buscar contragolpes.
Rufo foi o que tivo as opcións máis claras para igualar o marcador. A primeira despois de roubar o balón na saída desde atrás dos santiagueses, pero o seu disparo saíu fóra. Máis claro foi un cabezazo tras centro de Álex González que o ariete madrileño rematou algo forzado sen darse conta de que polas súas costas chegaba Charles en mellor posición.
Non chegaba o gol e Luisito deu un golpe de temón. Sentou a Eneko e Oier Calvillo para dar entrada a Borja Martínez e Jorge Fernández. Pasaron os granates a defender con tres centrais e dar toda a banda para Aitor e Álex. E así o Pontevedra pasou a vivir todo o tempo no campo contrario.
Jorge, no seu primeiro balón, deixou só a Rufo na interior da área, pero o madrileño cruzou demasiado o tiro e estrelouse no pau. Ao traveseiro mandou outro cabezazo a escasos minutos do descanso, esta vez despois dun centro medido de Álex González desde a esquerda.
O Compostela mentres tanto dedicábase a achicar auga e a tentar aproveitar a velocidade de Miki, o máis perigoso dos visitantes en ataque, para dar a puntilla con contragolpes como o que acabou nas botas de Josiño, que disparou por encima da meta de Mario.
Xa no segundo tempo, os locais seguiron cargando en busca do empate. En só cinco munutos o Pontevedra acumulou ata tres chegadas á área. Todas elas pola banda esquerda e con Álex González, o máis activo dos granates no partido como protagonista. Con todo, todas esas chegadas non atoparon rematador na área. A máis clara foi un cabezazo de Jorge Fernández desde o punto de penalti que saíu lamiendo o pau.
No bando contrario, o Compostela dedicábase a defender, durmir o partido e aproveitar os espazos que concedía o Pontevedra con contraataques. Con todo, foi nun descoido dos de Pasarón no inicio de xogada cando puido sentenciar o cadro branquiazul. Bicho anticipouse a Xisco, regateou a Mario pero o seu tiro sacouno Imanol baixo paus.
Ao Pontevedra esgotábanselle as ideas e a enerxía, mentres cada minuto caía como unha laxa na confianza dun equipo que terá que loitar por non perder a categoría. Nos últimos minutos, Martín Diz tentouno cun remate de cabeza que non atopou portería, un mal que leva tempo padecendo o cadro granate e que o sitúa na zona baixa de táboa.
PONTEVEDRA CF: Mario; Aitor, Xisco, Pol Bueso, Zabaleta (Jorge Fernández, min. 25); Oier (Borja Martínez, min. 25), Damiá Sabater, Imanol, Álex González, Charles, Rufo
SD COMPOSTELA: Guillén; Saro, Casas, Soto, Matías; Samu, Bicho, Josiño; Miki, Jimmy, Brais Abelenda
Goles: 0-1, min. 11, Miki
Árbitro: Caparrós Hernández (Valencia), asistido nas bandas por Argente Millán e Villaescusa Alarcón amoestou a Pol Bueso, Borja Martínez e Damiá Sabater polo Pontevedra
Incidencias: Partido correspondente á xornada 15 do subgrupo A do grupo I da Segunda Divisón B disputado no estadio municipal de Pasarón (Pontevedra) sen público polas restricións sanitarias derivadas da pandemia da covid-19
Relacionadas:
-
Fixada para o domingo 7 de marzo a visita do Pontevedra a Riazor
Por Redacción |
-
Luisito recupérase do susto tras sufrir un trombo no brazo coa intención de non perder máis adestramentos
Por Diego Espiño |
-
Problemas de saúde apartan a Luisito do primeiro adestramento da semana
Por Diego Espiño |
-
As (complicadas) contas do Pontevedra para salvar a tempada e entrar na Primeira RFEF
Por Diego Espiño |
-
Rufo e Charles enganchan o Pontevedra á liga remontando ao Salamanca (1-3)
Por Diego Espiño |