As (complicadas) contas do Pontevedra para salvar a tempada e entrar na Primeira RFEF
Por Diego Espiño
A derrota encaixada en Pasarón fronte ao Compostela foi para o Pontevedra Club de Fútbol un torpedo á súa liña de flotación, xusto cando o equipo empezaba a levantar cabeza, pero sobre todo foi un golpe de realidade cara aos seus obxectivos.
Os granates, aínda que as matemáticas aínda non o confirmen, non poden xa aspirar a finalizar a primeira fase nos tres primeiros postos, o que supoñería a súa clasificación directa a próxima campaña para a nova categoría, a Primeira RFEF, e permitiría pelexar polo ascenso a Segunda. Era a meta que se marcaba a entidade nun ano tan raro e complicado, para o que se realizou un importante investimento.
Con todo os resultados mandan no fútbol e a falta de tres xornadas para o final desa primeira fase, o Pontevedra non só está fóra dos postos de honra, senón que é sétimo e veríase obrigado a xogar na parte final da tempada por non baixar a Terceira, é dicir, por manterse en Segunda B e baixar de facto unha categoría ou caer a Terceira e facelo dous chanzos de golpe.
Só hai unha maneira de 'salvar' a tempada, e pasa por finalizar entre o 4º e o 6º aspirando, pola vía máis complicada, a conseguir praza na Primeira RFEF.
A tres xornadas para ese corte, os de Luisito terían que conseguir os 9 puntos en xogo para iso (Deportivo, Coruxo e Guijuelo), e é que eses puntos contarán para a seguinte fase da tempada. Nesa segunda fase, de terminar no segundo pelotón, estableceríase un grupo de seis equipos (cos correspondentes do subgrupo 1-B) xogando a dobre volta só cos clubs do outro subgrupo, é dicir, un total de seis partidos. Deses seis equipos, só os dous mellores clasificados manteranse na terceira categoría nacional, a nova Segunda B PRO ou Primeira RFEF, que contará o próximo curso con 40 equipos. O resto pasarán a formar parte da Segunda RFEF, o cuarto chanzo do balompé nacional.
O único aspecto positivo é o número de puntos que a día de hoxe acumulan os rivais do subgrupo 1- B, onde o cuarto da táboa, o Langreo, conta con 21 puntos polos 18 dos granates, polo que só o Compostela con 23 destacaríase lixeiramente entre os aspirantes.
Iso si, peor se poñerían as cousas de non entrar nese segundo grupo do 4º ao 6º, porque xa se tería descendido unha categoría co único reto de non baixar dous de golpe. Neste caso o grupo que se formará pola permanencia será de 8 conxuntos, dos que 5 caerán a Terceira ademais dun sexto entre todos os grupos que teña peor coeficiente.
Con este panorama, e definitivamente sen rede, a visita a próxima xornada ao RC Deportivo no Estadio Municipal de Riazor antóllase decisiva, con dous equipos que levan traxectorias paralelas esta campaña. Todo o que non sexa gañar converterá o acceso á Primeira RFEF nunha auténtica quimera e a tempada nun fracaso estrepitoso. Despois chegarán os partidos ante Coruxo en casa e Guijuelo fóra, onde tampouco se poderá fallar, pero esa xa será outra historia.
Relacionadas:
-
Charles cre que "o fútbol está a ser inxusto" co Pontevedra e avisa: "Neste equipo ninguén baixa do barco"
Por Diego Espiño |
-
Cinco sesións camiño á 'final' de Riazor
Por Diego Espiño |
-
Fixada para o domingo 7 de marzo a visita do Pontevedra a Riazor
Por Redacción |
-
Luisito, tras o seu episodio de trombose: "A doutora díxome que me salvei de milagre. Tiven moita sorte"
Por Diego Espiño |
-
Luisito recupérase do susto tras sufrir un trombo no brazo coa intención de non perder máis adestramentos
Por Diego Espiño |
-
Problemas de saúde apartan a Luisito do primeiro adestramento da semana
Por Diego Espiño |
-
Un chispazo de Miki condena a un Pontevedra negado de fronte ao gol (0-1)
Por Manu Otero & Cristina Saiz |