Rufo e Charles enganchan o Pontevedra á liga remontando ao Salamanca (1-3)
Por Diego Espiño
Por fin. Despois de oito partidos sen conseguilo, o Pontevedra Club de Fútbol volveu a saborear os meles da vitoria. Non o facía desde o 22 de novembro, precisamente ante o mesmo rival que este domingo, o Salamanca CF UDS. O triunfo chega ademais un 14 de febreiro, metáfora perfecta de San Valentín para escenificar o amor reencontrado entre o club granate e Luisito. Con el no banco sumáronse 4 de 6 puntos posibles e recóbranse ánimos e impulso na táboa para pelexar polo menos por meterse na nova categoría, a Primeira RFEF, a próxima campaña.
Iso si, non foi un camiño de rosas para os pontevedreses, que tiveron que remontar o gol inicial dos locais. Outra demostración de que, sobre todo no anímico, algo cambiou.
Repetía once o técnico no seu segundo partido no cargo, convencido pola melloría na imaxe do equipo ante o Guijuelo só embazada pola falta de puntería. Un desacerto de cara ao gol que se repetiu cal pantasma para os granates nas súas dúas primeira aproximacións. Especialmente clara foi a primeira. Rufo pelexou un balón, habilitou en velocidade á carreira de Charles pola banda dereita e este puxo un enviou perfecto á chegada de Oier ao momento de penalti para que o 17, con todo a favor, cruzase en exceso.
O extremo volveu gozar doutra ocasión só un minuto despois, cun desmarque cruzado desde o costado ás costas dos centrais que leu Álex González á perfección, pero o seu disparo marchouse esta vez alto.
Avisaba o Pontevedra e de que maneira ante un Salamanca ao que lle custou desperazarse, pero que aos poucos coa axuda dos seus seguidores nas bancadas (cunha notable presenza de espectadores) foi gañando presenza en ataque con longas posesións. Tentaban crecer os locais a través do balón, e con todo a súa estocada chegou nun pase o longo. Corría o minuto 21 e o Puma Chávez gañáballe as costas en velocidade a Xisco Campos encarando a Mario e baténdolle por baixo para poñer o 1-0 no marcador.
Os de Luisito perdoaran e pagábano no electrónico. Unha laxa, o ir a remolque, que noutros momentos da tempada pesaba e moito nas pernas. Pero o equipo é outro, e pese ao evidente mazazo o Pontevedra repúxose e tentou gañar metros tomando a iniciativa.
Pol Bueso estivo a piques de sorprender ao gardameta local, Javi Benítez, cun lanzamento desde a medular. Foi a antesala do empate. No minuto 32 Oier recibiu pegado á liña de cal da banda dereita, rompeu a Candelas e puxo un centro ao primeiro pau que Rufo, cun soberbio testarazo, convertía en gol. O ariete igualaba o partido e de paso librábase na súa mochila da falta de acerto fronte ao Guijuelo.
Oier puido adiantar os granates antes do descanso, sen fortuna, chegando ao intermedio cun empate que deixaba todo no aire a falta de 45 minutos que se presumían emocionantes.
Tras o paso polos vestiarios o Pontevedra mantivo a inercia positiva, e ameazou pasados só uns segundos coa conexión dos seus dianteiros, que empezaban a converterse nun pesadelo para a zaga salmantina. Rufo conectaba nesta ocasión con Charles, pero o remate do brasileiro de cabeza, moi centrado, atallábao Javi Benítez.
Volvían perdoar os galegos, e máis que íano a facer pouco despois, con Rufo empezando a xogada gañando unha pelexa de costas e acabándoa despois recibindo un centro de Eneko desde a esquerda, raso, que toca lixeiramente Charles antes de chegar aos pés do 9, estrelando o seu violento remate no traveseiro.
De novo desperdiciábanse dúas accións claras para adiantarse, pero ao contrario que na primeira metade á terceira foi a vencida. Era o minuto 59 cando Oier gañou profundidade por banda dereita, púxoa na área á chegada dos seus compañeiros. Álex deixouna pasar e Charles adiantouse a Anderson sacando un claro penalti. O brasileiro non aproveitou a ocasión para facer o 1-2 desde os 11 metros.
Foi o fin da resistencia do Salamanca, que se empezou a romper e atacar sen demasiadas ideas. Pola contra aos de Luisito víaselles cómodos, esperando a súa ocasión para sentenciar. Chegou a 20 minutos do final. De novo a parella de atacantes granate entendeuse á perfección, poñendo Charles un preciso servizo á carreira de Rufo ás costas dos centrais, un 'agasallo' que o madrileño converteu no 1-3 cun potente remate por arriba.
Aí acabouse o que se daba. Ata o final o Pontevedra controlou o resultado sen abafos para asegurarse tres puntos vitais, sanadores, e só levou un susto coa lesión do propio Rufo, que tivo que abandonar o terreo de xogo. Ao final, 1-3 e unha nova vida para os granates. Seguinte parada, Compostela en Pasarón. A catro xornadas para o final da primeira fase, será outro duelo crucial.
SALAMANCA CF UDS (1): Javi Benítez, Anderson, Casado, Ayala, Candelas (Sepúlveda, min.81), Amaro, Fer Llorente, Telles (Álex Camacho, min.46), Javi Navas (Nacho López, min.81), Ernest (Denilson, min.72), Puma Chávez.
PONTEVEDRA CF (3): Mario, Aitor Núñez, Xisco Campos, Pol Bueso, Eneko, Imanol, Damià Sabater (Borja Martínez, min.67), Oier Calvillo (Jorge, min.81), Álex González, Charles, Rufo (Óscar Fernández, min.83).
Árbitros: David Cambronero Gonzalez, auxiliado nas bandas por Javier Gonzalez-Campo Monroy e Escribano Ortiz (Castela-A Mancha). Amoestou a Anderson, Amaro e Casado no Salamanca e a Pol Bueso, Imanol, Borja Martínez e Álex González no Pontevedra.
Goles: 1-0 Puma Chávez, min.21; 1-1 Rufo, min.32; 1-2 Charles de penalti, min.60; 1-3 Rufo, min.71.
Incidencias: Partido da xornada 14 no Subgrupo 1-A da Segunda División B disputado no Estadio Helmántico de Salamanca cunha notable presenza de público.
Relacionadas:
-
Un chispazo de Miki condena a un Pontevedra negado de fronte ao gol (0-1)
Por Manu Otero & Cristina Saiz |
-
Luisito aposta pola continuidade fronte o Compostela: "Moitos cambios non vai haber"
Por Diego Espiño |
-
Churre apura as súas opcións de entrar na convocatoria fronte ao Compostela
Por Diego Espiño |
-
Mario Fernández ve o Pontevedra "con la moral muy alta" tras saír da súa mala serie de xogo e resultados
Por Diego Espiño |
-
O cambio de Rufo en Salamanca, só por precaución
Por Diego Espiño |
-
Ao Helmántico sen marxe para o erro
Por Manu Otero |
-
Jesús Ramos desvincúlase do Pontevedra
Por Manu Otero |
-
Luisito, logo da súa reestrea en Pasarón: "Al equipo solo le faltó el gol"
Por Manu Otero & Mónica Patxot |
-
O efecto Luisito non acaba coa seca do Pontevedra (0-0)
Por Manu Otero & Mónica Patxot |