Edu e os penaltis fan sorrir ao Pontevedra en Vilalba (1-1)
Por Redacción
Suou o Pontevedra para impoñerse ao Racing Villalbés na XXII edición do Trofeo President. Os granates foron a remolque durante a maior parte do partido, e atoparon no seu porteiro e capitán Edu, que detivo nada menos que tres dos catro penaltis que lle lanzaron na quenda de desempate, a súa dose de fortuna para sorrir e facerse co trofeo en disputa.
Como era de esperar, Luismi optou por un equipo inicial no que non repetían nin un só dos xogadores que actuaron de saída contra o Juvenil, formando un once que podería ser perfectamente titular no inicio ligueiro, coa única ausencia do central Pol Bueso, ao que o técnico non quere apurar na recuperación aínda á conta de sacrificar o necesario axuste cos seus compañeiros, e os lesionados Álex González e Pedro Vázquez.
Primeira parte entretida e moi disputada na que os locais aproveitaron un descoido defensivo da zaga granate para adiantarse no marcador moi pronto cun gol de Moreda, para retirarse con vantaxe ao descanso.
No segundo tempo o Pontevedra espertou e pasou a dominar completamente ao seu rival, xerando un bo número de ocasións que non foi capaz de aproveitar ata que ese dominio terminou por dar os seus froitos cando xa o partido enfilaba a súa recta final. Foi como consecuencia dun excelente centro lateral de Santi Figueroa que rematou de cabeza Adighibe.
A pesar de que o dominio granate seguiu buscando resolver o partido, foi o Racing Villalbés quen tivo dúas ocasións moi claras nos minutos finais, que puideron darlle o triunfo.
Así se chegaba ás quendas de lanzamentos desde o punto de penalti, nas que Edu converteuse nunha muralla para o cadro lucense, detendo tres lanzamentos e dando o trofeo ao seu equipo.
Saldado o dobre compromiso desta fin de semana, os granates afrontarán a súa última semana de pretemporada cos tres últimos amigables de preparación, todos eles a domicilio: o día 15 contra o Mondariz, a 16 fronte ao Vilalonga, pechando o 18 na Lomba contra o Arosa, a sete días do comezo ligueiro en Pasarón, o dómingo día 25, fronte ao Coruxo.
RACING VILLALBÉS (1+1): Javi Pita, López, David Buyo (Rarés, minuto 90), Verez, Josito, Javi, José Varela, Make (Xairo, minuto 90), Moreda (Anxo, minuto 65), Sanda e Diego Rey (Sito, minuto 65).
PONTEVEDRA CF (1+3): Edu, Nacho López, Naveira (Santi Figueroa, minuto 70), Campillo (Ángel, minuto 78), Churre, Sana (Álex Fernández, minuto 70), Javi Pazos, Berrocal (Mouriño, minuto 85), Adighibe (Javi López, minuto 78), Álvaro Bustos e Romay.
Árbitro: Iván Abel Bruzos (Lugo), auxiliado nas bandas por Iago Castro Peralta e Yago Amil Castro.
Goles: (1-0) Minuto 10: Moreda. (1-1) Minuto 78: Adighibe. Penaltis: Jose Varela, para Edu. Álex Fernández, gol. Castrín, gol. Churre, para Javi Pita. Verez, para Edu. Javi Pazos, gol. Javi, para Edu. Álvaro Bustos, gol.
Incidencias: Campo Municipal da Magdalena (Vilalba). XXII Trofeo President.
Relacionadas:
-
O Pontevedra chega lanzado ao comezo de liga
Por Manu Otero |
-
Cumpre o expediente sen alardes o Pontevedra en Vilalonga (1-2)
Por Redacción |
-
Afina a posta a punto o Pontevedra mellorando a súa imaxe fronte ao Mondariz (0-3)
Por Redacción |
-
O Pontevedra afina puntería á conta do Juvenil Ponteareas (0-3)
Por Redacción |
-
O Pontevedra recupera a Javi Pazos, Javi López, Pol Bueso, Álvaro Bustos e Romay
Por Manu Otero |
-
O Pontevedra non pasa do empate na súa visita ao Atios
Por Manu Otero |
-
Unha mala segunda metade condena ao Pontevedra á derrota diante do Castilla
Por Manu Otero |
-
O Deportivo faise co trofeo Cidade de Pontevedra despois de vencer ao Tenerife e empatar cos granates
Por Manu Otero |