O Deportivo faise co trofeo Cidade de Pontevedra despois de vencer ao Tenerife e empatar cos granates
Por Manu Otero
O Trofeo Cidade de Pontevedra acabou en mans do Deportivo despois de gañar ao Tenerife e empatar ante o Pontevedra, que pechou a súa participación no torneo con dous empates sen goles ante o cadro coruñés e o Tenerife, aínda que na quenda de penaltis o cadro canario estivo máis acertado. No segundo choque o Deportivo tivo que remontar un tanto inicial dos insulares con goles de Aketxe e Galán. Mentres que no partido definitivo, granates e branquiazuis empataron sen goles nun partido no que os da Coruña tiveron opcións de facerse coa vitoria.
O Pontevedra comezou o primeiro enfrontamento cun once que pouco se parecerá ao que exporá Luismi nos encontros oficiais e o equipo acusouno. O Tenerife estaba moito máis acertado e rápido en todas as accións e puido desequilibrar o duelo nos primeiros minutos de xogo.
Tívoa Javi Alonso tras roubarlle a carteira a Mouriño, disparou desde fóra da área pero o seu lanzamento non atopou portería. Só un minuto despois, Sana errou no pase a Naveira, Josué anticipouse e plantouse só ante Edu, pero o seu tiro, demasiado cruzado, saíu rozando o poste.
Co paso dos minutos, o Pontevedra comezou a sentirse máis cómodo e as chegadas á portería de Dani Hernández empezaron a ser habituais. Rivera atopouse cun balón na área pequena tras un remate de cabeza de Sa á saída dun corner, pero o canteirán non puido rematar con comodidade e o balón acabou rebotando no gardameta venezolano.
Máis clara foi aínda a de Álex González, que se fixo cun balón no centro do campo e saíu a toda velocidade contra a meta rival, plantouse só diante do porteiro, pero non estivo preciso na finalización.
Tamén Berrocal, que comezou o partido como referente ofensivo dos granates, tivo opción de adiantar aos seus cun cabezazo a centro de Naveira que tampouco atopou portería.
O balón era do Pontevedra, pero o rumbo do partido cambiou drasticamente aos vinte minutos. Josué agarrou o balón na media lúa da área e foise en velocidade dos centrais granates para quedar só diante de Edu, Churre suxeitoulle da camiseta e o árbitro mostroulle a vermella ao entender que desbaratara unha coasión manifesta de gol. A falta acabou na barreira.
Luismi tivo que recompoñer o equipo, Álex Fernández pasou ao posto de central e Berrocal atrasouse ata o mediocentro deixando a Mouriño como referencia ofensiva. Entrou o partido nunha fase de imprecisións por parte de ambos os equipos, que Álex Gonzalez puido desequilibrar cunha nova cabalgada. Edu sacou en longo e o cántabro se peleou cos centrais, foise do primeiro en velocidade, recortou ao segundo, pero o seu disparo non foi demasiado potente e Dani Hernández despexouno con facilidade a corner.
Houbo algunha chegada máis á área por parte de ambas as escadras pero ningunha inquietou aos porteiros e o partido acabou en empate sen goles. Na quenda de penaltis, Sana fallou o segundo lanzamento e o Tenerife fíxose co triunfo.
FICHA TÉCNICA
Pontevedra: Edu; Santi Figueroa, Víctor Vázquez, Churre, Campillo, Naveira (Guisande, min. 34); Sana, Álex Fernández; Rivera, Mouriño, Álex González (López, min. 34); Berrocal.
Tenerife: Dani Hernández; Carlos Ruiz, Undabarrena, Álex Muñoz; Shaq Moore, Javi Alonso, Borja Lasso, Isla López; Borja, Dani Gómez, Josué
Árbitro: Eiriz Matas (Colegio Gallego) expulsou a Churre no minuto 20 e amonestou a Santi Figueroa por parte do Pontevedra e a Isma López, Shaq Moore y Javi Alonso, por parte do Tenerife.
Incidencias: Trofeo Cidade de Pontevedra disputado en Pasarón ante 1.200 espectadores.
O último partido da noite enfrontou a Pontevedra e Deportivo e terminou tamén con empate sen goles. O Deportivo levou o peso do partido e xerou varias ocasións para poder romper a igualdade no marcador, pero tanto Edu como Brian López e os paus evitaron os tantos. Os granates, pola súa banda, apenas inquietaron a meta de Cobo e só o debut do dianteiro Adibe, moi participativo e atrevido, motivou os aplausos da afección.
A primeira ocasión para o cadro coruñés chegou moi pronto cunha internada na área do xaponés Shibasaki que se estrelou no lateral da rede. Logo foi Koné o que probou a Edu, pero o seu tiro apenas levaba perigo. O seguinte en tentalo foi Galán desde fóra da área pero o balón foise alto.
A máis clara chegou no minuto 12, Caballo filtrou un balón ao corazón da área para que Koné batese a Edu, pero o capitán granate sacou unha man prodixiosa para evitar o tanto. A primeira chegada a porta do Pontevedra non se produciu ata o minuto 20, cun remate desviado de Campillo á saída dun córner.
Co carrusel de cambios, o ritmo do partido decaeu e só Borja Valle nos últimos minutos de xogo tivo opcións de romper a igualada, pero se lanzamento rebotó no pau e uns minutos máis tarde Brian Xaén rouboulle o balón dos pés cando ía anotar a porta baleira.
Despois de vencer ao Tenerife e empatar co Pontevedra, o Trofeo Cidade de Pontevedra pon rumbo á Coruña, mentres que os granates pecharon os seus duelos máis difíciles da pretemporada coa satisfacción de non encaixar nin un só gol.
FICHA TÉCNICA
Pontevedra: Edu; Nacho López, Álex Fernández, Campillo, Naveira; Sana, Berrocal, Romay; Bustos, Álex Gonzalez, Adibe. Tamén xogaron Brian, López, ängel, Samu, Garrido, David Veiga y Expósito.
Deportivo: Cobo; Bóveda, Lampropoulos, Mujaid, Caballo; Bergantiños, Gaku, Vicente; Aketxe, Borja Galán y Koné. Tamén xogaron Cobo, Valín, Bourdal, MArtí Vila. Gandoy, David Sánchez, Pedro Sánchez, Borja Valle, Somma, Gerard Valentín y Javi Sánchez.
Árbitro: Eiriz Matas (Colegio Gallego) amonestou a Sana por parte do Pontevedra e a Bourdal por parte do Deportivo
Incidencias: Trofeo Cidade de Pontevedra disputado en Pasarón ante 1.200 espectadores.
Relacionadas:
-
Edu e os penaltis fan sorrir ao Pontevedra en Vilalba (1-1)
Por Redacción |
-
O Pontevedra afina puntería á conta do Juvenil Ponteareas (0-3)
Por Redacción |
-
O Pontevedra non pasa do empate na súa visita ao Atios
Por Manu Otero |
-
Unha mala segunda metade condena ao Pontevedra á derrota diante do Castilla
Por Manu Otero |
-
Un Pontevedra sen pólvora non pode nin co Estradense nin co UD Ourense
Por Sofía Lorenzo |
-
O Pontevedra non gaña ningún cruce do Carneiro ó Espeto e o Celta B consegue o trofeo
Por Sofía Lorenzo & Diego Torrado |
-
O trofeo Luís Otero queda na casa tras a vitoria pola mínima do Pontevedra ante o Racing de Ferrol (1-0)
Por Diego Espiño & Diego Torrado |