Atracan e lesionan en Chile a Horacio Cifuentes, xogador do TM Monte Porreiro
Por Diego Espiño
Duro revés o que sufriu nas últimas horas o Tenis de Mesa Monte Porreiro, que pasou de celebrar o segundo posto do seu xogador Horacio Cifuentes no Campionato Panamericano a ter que lamentar unha lesión do seu xogador por culpa dun asalto.
Certo é que o sucedido pode considerarse como un gran susto, sen consecuencias graves no persoal, pero supón "un palo gordo" para as aspiracións deportivas do equipo pontevedrés no caso de confirmarse os peores prognósticos.
Horacio, do mesmo xeito que Nico Galvano, atopábanse en Chile para competir coa súa selección nacional, con excelentes resultados no caso de Cifuentes ao alzarse coa medalla de prata individual.
Con todo á saída do pavillón o xogador do Tenis de Mesa Monte Porreiro sufriu un atraco no que lle subtraeron varios efectos persoais como o seu teléfono móbil. Ademais no forcexeo produciuse unha lesión no ombreiro dereito.
"Fue al hospital a que se lo colocaran", explica desde Pontevedra o seu adestrador, Nando Álvarez, que recoñece que se finalmente "es una luxación tenemos un problema", xa que debería estar varias semanas co brazo inmobilizado e despois someterse a rehabilitación antes de volver xogar. Unha ausencia que se prolongaría como mínimo ata principios de ano.
O diagnóstico non será definitivo ata que nas próximas horas chegue a Galicia, vía Porto, e sexa sometido a unha revisión exhaustiva, pero o que é seguro é que chega nun momento no que "nos jugamos mucho", recoñece o técnico sobre o seu xogador, téorico número 1 da escuadra que compite este ano na Superdivisión Masculina e que pelexa por permanecer na máxima categoría nacional.
Relacionadas:
-
O Tenis de Mesa Monte Porreiro refórzase para a segunda volta da liga
Por Redacción |
-
Duro castigo para o TM Monte Porreiro, que cae a postos de descenso
Por Redacción |
-
A lesión de Horacio Cifuentes, do TM Monte Porreiro, menos grave do esperado
Por Diego Espiño |
-
As baixas impiden ao Tenis de Mesa Monte Porreiro plantar cara o Arteal en Santiago (4-1)
Por Redacción |