As baixas impiden ao Tenis de Mesa Monte Porreiro plantar cara o Arteal en Santiago (4-1)
Por Redacción
Con honra caeu o Tenis de Mesa Monte Porreiro na súa visita ao actual líder da Superdivisión masculina, o Arteal de Santiago, a pesar das importantes ausencias coas que chegaba á cita.
Os arxentinos Nico Galvano e Horacio Cifuentes perderon a xornada ao atoparse disputando coa súa selección nacional o Campionato Panamericano, polo que a canteira gañou protagonismo e xunto a Nacho Fernández compareceron Cristofer Santiago e Pedro Fernández deixando unha grata imaxe.
Pese ao resultado final de 4-1, o certo é que a sorpresa non estivo lonxe. Despois de que os composteláns puxesen o 1-0 con vitoria de Moisés Álvarez sobre Cristofer Santiago, Nacho Fernández puxo a igualada vencendo a Uxío Regueiro e Pedro Fernández estivo preto de bater a un dos mellores xogadores da categoría, o portugués Enio Mendes. O canteirán do Monte Porreiro levou ao duelo a cinco mangas tras vencer nas dúas primeiras, pero non puido evitar que Mendes remontase e puxese o 2-1 para os locais. Despois chegaría a sentenza con dous puntos máis do Arteal para pechar o enfrontamento.
A derrota deixa aos pupilos de Nando Álvarez na novena posición da clasificación con 4 puntos, con 2 de vantaxe sobre a zona de descenso.
VITORIA NA DIVISIÓN DE HONRA FEMININA
Mellor lle foron as cousas ao conxunto feminino do Monte Porreiro na División de Honra, onde sumaron o seu cuarto triunfo do curso ao superar na casa ao Irún (4-2).
Noa Bernárdez deulle dous puntos ás pontevedresas, mentres que Noelia Santiago e María Teresa Nine venceron un partido para redondear o resultado e poñer ao seu equipo na cuarta posición, ao fío do play-off de ascenso.
Relacionadas:
-
Duro castigo para o TM Monte Porreiro, que cae a postos de descenso
Por Redacción |
-
A lesión de Horacio Cifuentes, do TM Monte Porreiro, menos grave do esperado
Por Diego Espiño |
-
Atracan e lesionan en Chile a Horacio Cifuentes, xogador do TM Monte Porreiro
Por Diego Espiño |
-
Boa imaxe pero derrota do Tenis de Mesa Monte Porreiro ante o AD Vincios
Por Redacción |