A lesión de Horacio Cifuentes, do TM Monte Porreiro, menos grave do esperado
Por Diego Espiño
Horacio Cifuentes, xogador do Tenis de Mesa Monte Porreiro, xa se atopa en Pontevedra tras o "gran susto" que sufriu en Chile tras proclamarse subcampión do Campionato Panamericano.
O deportista arxentino foi asaltado á saída do pavillón no que lle subtraeron efectos persoais e no sufriu unha lesión no ombreiro.
Agora, xa de volta na Boa Vila, prefire non falar máis do suceso e centrarse na súa pronta recuperación para axudar ao seu equipo nunha fase decisiva da competición na Superdivisión masculina, máxima categoría nacional na que debuta este ano o conxunto pontevedrés.
Neste aspecto as noticias son positivas tras a revisión médica á que foi sometido nas últimas horas, xa que o diagnóstico da lesión é menos grave do esperado inicialmente, cando se temía unha luxación na articulación. Finalmente Horacio ten unha "escordadura da articulación acromioclavicular" no seu ombreiro dereito, segundo confirmou o Monte Porreiro.
A pesar diso resulta complicado que o arxentino, teórico número 1 do equipo, volva xogar ata principios de ano, aínda que no club agárranse ao traballo cos fisioterapeutas para acurtar os prazos de recuperación.
De non volver xogar ata 2019, Horacio Cifuentes perdería catro enfrontamentos, ante o Priego TM (2º clasificado), CER L'Escala (6º), Grup Vall (3º) e Hispalis (8º).