Debut agridoce do Bádminton Ravachol Pontevedra na liga de Primeira Nacional
Por Redacción
O Club Bádminton Ravachol Pontevedra estreouse a fin de semana na liga de Primeira Nacional conseguindo en Oviedo 6 dos 9 puntos que había en xogo e como cuarto da clasificación. Foi con todo un debut agridoce ao regresar de terras asturianas coa sensación de poder facer pleno de triunfos.
A xornada empezou de maneira positiva co triunfo o sábado de maneira contundente ante o Club do Mar da Coruña, terceiro clasificado a pasada campaña e ao que superaron por un claro 6 a 1.
Con todo, xa o domingo, os anfitrións do CB Oviedo impuxéronse por 4-3 ao vencer todos os partidos de dobres, mentres que os pontevedreses maquillaron o resultado nos individuais.
"Foi deses partidos nos que todo sae mal, imprecisións, nervios... pero tamén nos serve de aviso. Se queremos gañar esta liga non vai ser fácil e non nos podemos relaxar, a próxima xornada en Alacante vai ser decisiva e espero ter ao equipo na mellor forma posible para seguir na parte alta da clasificación", sinalou tras a competición o técnico do Ravachol, Jesús Pereiro.
A estrea na Primeira Nacional completouse cunha vitoria ante o CB Aspe por un contundetne 7 a 0.
A próxima xornada levará ao equipo pontevedrés ata Alacante, onde se enfrontará ao Ibiza BC, aos malagueños do Jorge Guillén e ao CB Palma, actual líder da clasificación.
Competiron polo Bádminton Pontevedra: Manuel Brea, Noelia Gestoso, Ana Carbón, Raquel Miguens, Iván Darriba, Alejandro Nogueira e Miguel Sanluis.
Relacionadas:
-
Pleno de triunfos para o Bádminton Pontevedra en Alacante
Por Redacción |
-
O Cidade de Pontevedra de badminton queda na casa cos triunfos de Manuel Brea e Ana Carbón
Por Redacción & Diego Torrado |
-
O Cidade de Pontevedra de badminton sobe de categoría e xa é un referente galego
Por Alejandro Espiño |
-
Bronce para Raquel Miguens no máster de Cantabria de badminton
Por Redacción |
-
O Bádminton Ravachol Pontevedra, listo para a súa estrea na Primeira Nacional
Por Redacción |
-
Positiva estrea de tempada para o Bádminton Ravachol
Por Redacción |