O Cidade de Pontevedra de badminton sobe de categoría e xa é un referente galego
Por Alejandro Espiño
Un total de 87 xogadores participarán este sábado 20 de outubro na segunda edición do Trofeo Cidade de Pontevedra de badminton, que se disputará no pavillón de Príncipe Felipe durante toda a xornada. Está organizado polo Club Ravachol Pontevedra.
A gran novidade deste campionato é que, con tan só dous anos de vida, sobe de nivel e pasa a ser un evento de tres estrelas, o máximo que se outorga a nivel territorial.
Iso convérteo, segundo o presidente da Federación Galega de Badminton, Rodrigo Sanjurjo, no máis importante de toda Galicia e, destacou, nun "evento de futuro".
Ademais, servirá como "antesala" para o Campionato de España de badminton que, en categoría absoluta, celebrarase en Pontevedra en maio de 2019. "Oxalá podamos contar con Carolina Marín", sinalaron os seus organizadores.
O responsable do Club Ravachol Pontevedra, Jesús Pereiro, explicou en total disputaranse 130 partidos ao longo do campionato, no que participarán xogadores de " primeiro nivel" como Manuel Brea e Alejandro Nogueira, números 2 do ranking nacional.
Gran parte dos favoritos, sinalou Pereiro, son representantes do club anfitrión como Ana Carbón, Raquel Miguens ou Elena Andreu, aínda que esta última só poderá participar no torneo de dobres ao chegar ese mesmo sábado de Arxentina, onde competiu nos recentes Xogos Olímpicos da Mocidade.
Isto demostra, segundo o presidente da federación galega, que este equipo -que ten apenas dous anos de vida- xa é un referente no badminton autonómico "e moi pronto o será en todo o país", ao militar na Primeira División deste deporte e contar cunhas escolas deportivas "de primeiro nivel".
A este respecto, o responsable do Club Ravachol Pontevedra destacou que a acollida que este equipo tivo na cidade, a nivel institucional e social, foi "espectacular", cos centros educativos "implicados" na promoción deste deporte. "Seguiremos traballando para seguir crecendo", destacou Jesús Pereiro.
Relacionadas:
-
O Cidade de Pontevedra de badminton queda na casa cos triunfos de Manuel Brea e Ana Carbón
Por Redacción & Diego Torrado |
-
Bronce para Raquel Miguens no máster de Cantabria de badminton
Por Redacción |
-
Debut agridoce do Bádminton Ravachol Pontevedra na liga de Primeira Nacional
Por Redacción |
-
O Bádminton Ravachol Pontevedra, listo para a súa estrea na Primeira Nacional
Por Redacción |