Álex González fai estalar Pasarón no desconto para derrotar á Cultural Leonesa (2-1)
Por Diego Espiño & Diego Torrado
Golpe de moral para o Pontevedra Club de Fútbol tras lograr este domingo o seu primeiros tres puntos da tempada, non sen sufrimento, ao vencer a un dos candidatos ao ascenso, a Cultural Leonesa. Fíxoo ademais cunha materia que se lle costou a pasada campaña, os fatídicos últimos minutos que esta vez sorriron aos granates cun gol no minuto 92 que fixo estalar de xúbilo Pasarón.
Os granates estreábanse ante a súa afección co obxectivo de esquecer canto antes o seu mal inicio de liga en Salamanca, unha derrota que tivo influencia no once inicial con ata cinco caras novas con respecto á estrea da tempada, as de David Castro, Mouriño, Álex González, Arruabarrena e Javi López.
Esas ganas mostráronse nuns primeiros minutos vertixinosos nos locais, con dous bos achegamentos nos pés de Javi López e de Álex González, aínda que sen acerto na finalización. O empuxe con todo durou pouco e a Cultural conseguiu igualar a balanza. Aínda volveu o Pontevedra a avisar nunha boa triangulación que partiu da esquerda, pasou por Mouriño no centro e acabou de novo en Javi López que ante a saída de Palatsí decidiu dobrar o balón buscando a Arruabarrena, chegando antes a defensa.
Empezouse a mostrar a partir de aí o cadro leonés, cunha clara ocasión de Aridane que se foi ao lateral da rede e outra chegada de Antonio Martínez que non enganchou ben o balón cando as tiña todas consigo para bater a Edu. Non o conseguiu e na seguinte acción foron os pontevedreses os que se adiantaron nunha acción na que Javi López plantouse ante o porteiro visitante e, en semierro, librou a súa saída para poñer o 1-0 no electrónico.
Co tanto a Cultural deu un paso á fronte e empezou máis roldar a área de Edu Sousa, e contou con dúas boas ocasións para igualar antes do descanso na cabeza de Señé, sacada unha delas baixo paus por Nacho López. Non transmitía nesa fase excesiva seguridade a zaga granate, pero conseguiu manter a súa porta a cero.
Tras o descanso o panorama do encontro foi ben distinto. O ritmo de xogo baixou cun Pontevedra que se repregaba á espera de poder matar nunha contra, mentres que os leoneses non lograban profundar mentres os minutos seguían pasando. Foi así ata que no 72 chegou o empate. Saúl remataba de cabeza un centro desde a esquerda que salvaba Edu coa axuda da madeira e no rexeite Aridane facía o 1-1.
As forzas empezaban a fallar nos granates, que se viron condicionados nos cambios coas lesións de Adrián León e Nacho Lorenzo e que tiraron de vontade para manter aberto o choque. Parecía que o campo inclinaba en contra dos locais. Tocaba sufrir e buscar un arrebato, como o que chegou no tempo de desconto, esa tantas veces fatídica prolongación que o ano pasado lastrou tanto ao equipo e que esta vez sorriu ao Pontevedra. Kevin partiu con forza da medular entre tres rivais, chegou ao bordo da área e puxo un centro ao segundo pau que Álex González rematou ao fondo da rede. Non quedaba tempo para máis. Todo unha dose extra de moral para ir crecendo na competición.
PONTEVEDRA CF (2): Edu, Nacho López, David Castro, Churre, Adrián León (Nacho Lorenzo, minuto 27 y Juan Barbeito, minuto 68), Kevin, Álex González, Romay, Mouriño (Jesús Barbeito, minuto 64), Javi López, Arruabarrena.
CULTURAL LEONESA (1): Palatsí, Saúl, Víctor, Iván Gónzalez, Albizua, Yeray (Jorge Ortiz, minuto 64), Sergio, Antonio Martínez (Samu, minuto 84), Aridane, Señé, Hugo Rodríguez.
Árbitro: Carlos Fernández Buergo, auxiliado nas bandas por Eduardo Suero e Francisco Ballesteros (Asturias). Amoestou a Edu Sousa, Romay, Jesús Barbeito e Mouriño no Pontevedra e a Aridane na Cultural.
Goles: 1-0 Javi López (min.36), 1-1 Aridane (min.72), 2-1 Álex González (min.92).
Incidencias: Segunda xornada de liga da Segunda División B disputado no Estadio Municipal de Pasarón ante aproximadamente 2.500 afeccionados.
Relacionadas:
-
Reacciona ben o Pontevedra para rabuñar un punto en Navalcarnero (1-1)
Por Redacción |
-
Cos 18 dispoñibles a Navalcarnero na busca da primeira vitoria a domicilio
Por Diego Espiño |
-
O Navalcarnero cae en Copa do Rei antes de medirse ao Pontevedra
Por Redacción |
-
As baixas na defensa, unha oportunidade "para otros futbolistas que van a tener que dar un paso al frente"
Por Diego Espiño |
-
Pendentes do estado físico de Adrián León e Nacho Lorenzo
Por Redacción |
-
Proba esixente para o Pontevedra no seu primeiro partido na casa da tempada
Por Diego Espiño |
-
Deslucida presentación da nova camiseta do Pontevedra
Por Diego Espiño |
-
Luismi márcase como obxectivo "intentar hacer de Pasarón un fortín"
Por Diego Espiño |
-
Unionistas amarga o debut dun gris Pontevedra (1-0)
Por Redacción |