Unionistas amarga o debut dun gris Pontevedra (1-0)
Por Redacción
Gris. Lonxe das sensacións deixadas na pretemporada. O debut ligueiro do Pontevedra devolveu aos granates a unha realidade similar á vivida ao comezo da tempada anterior, cando o equipo deambulaba cada vez que se afastaba de Pasarón a mercé de calquera rival que tivese enfronte. Unionistas foi mellor, pero sobre todo tivo máis intensidade na primeira parte, para aguantar sen abafo algún na segunda defendendo a súa mínima renda.
Comezou ben o Pontevedra, que xa no primeiro minuto forzou un saque de esquina, para dominar eses compases iniciais, pero pouco durou ese dominio, xa que Unionistas, máis intenso e ilusionado no seu debut na categoría, se fixo co control fronte aos de Luismi, que deron sensación de descoido xeral, lembrando o sucedido a campaña anterior cada vez que se afastaban de Pasarón.
Os de Roberto Aguirre avisaron por primeira vez e con moito perigo aos 20 minutos. Foi nunha falta lanzada por Góngora que remata de cabeza Cendrós ao traveseiro anticipándose a Churre.
Preto da media hora Adrián León crúzase oportunamente para cortar a perigosa chegada de Manjón.
Foi o preludio do que se vía vir, cando Adrián Llano aproveita o descoido xeral e a pasividade da cobertura galega, que lle deixou só, para conseguir un excelente gol, cun remate para deixada de Piojo ante o que nada puido facer Edu.
O Pontevedra case non apareceu en ataque, con Javi Pazos illado do equipo, sen chegarlle un só balón en condicións, debido principalmente á insistencia dos seus compañeiros en buscarlle con balóns longos que nunca chegaban ao seu destino.
A única vez que os visitantes pisaron área con perigo, foi ao límite do tempo regulamentario, co balón que chegou ao fondo da rede na única ocasión que Javi Pazos puido rematar, pero o dianteiro de Marín estaba en fóra de xogo, polo que a acción foi invalidada polo colexiado. Xa no desconto, Romay realizou o único remate válido, pero o balón saíu alto, aínda que quedou para dar esperanzas dun necesario cambio para a segunda parte.
Con todo, lonxe de mellorar co tempo de descanso, os granates, que vestían de azul, seguiron tan descafeinados como o seu segundo equipamento e a punto estiveron de encaixar moi pronto o segundo tanto. Xa no primeiro minuto unha falta afastada lanzada por Góngora, marchouse moi preto do pau, e despois tivo que aparecer Edu Sousa (minuto 55), para realizar dous milagres consecutivos e salvar senllos remates de Manjón.
Luismi tentou modificar cousas, dando entrada a Ález González e Míkel Arruabarrena. O primeiro deles protagonizou nada máis aparecer unha acción de perigo, pero enseguida Unionistas axustou posicións e aínda que o Pontevedra deu un paso adiante, os charros apenas sufrían, permitindo que Carlos Molina tivese unha tarde moito máis tranquila do esperado.
O Pontevedra non atopaba solucións para crear xogo, mentres seguía dando excesivas facilidades para que os locais, en rápidas transicións, fosen os que desen máis sensación de perigo, aínda que sen crear tampouco grandes oportunidades.
Cando apenas quedaban cinco minutos para os 90 regulamentarios, chegaba o segundo disparo a porta dos galegos. O seu autor foi Pedro Vázquez, desde a frontal, parando Carlos Molina con seguridade. Foi un dos poucos síntomas que deu o Pontevedra de tentar rebelarse á súa "sorte" que lle devolveu a unha realidade que indica que o ocorrido nas pretemporadas, por boas que sexan, non sempre teñen logo reflexo cando os puntos están en disputa.
Con Unionistas tratando de que se xogase o menos posible, axudado polas pistas de atletismo que rodean ao terreo de xogo, que facilitaban as perdas de tempo ata o punto de obrigar ao colexiado para prescindir dos recollepelotas por estimar que non facían correctamente o seu labor, chegouse ao final, cun resultado xusto e duro para un Pontevedra decepcionante.
UNIONISTAS CF (1): Carlos Molina; Pau Cendrós, Carlos Quintana, Juan Góngora, Ayoze Placeres (Robles, minuto 12), Adrián Llano, Piojo, Guille Andrés (Unai, minuto 77), Isaac Manjón, Javi Ribellés e Peli (De La Nava, minuto 66).
PONTEVEDRA CF (0): Edu; Nacho López, Churre, Adrián León, Nacho Lorenzo; Berrocal (Álex González, minuto 56), Kevin Presa, Álex Fernández (Mouriño, minuto 74); Pedro Vázquez, Romay e Javi Pazos (Míkel Arruabarrena, minuto 56).
Árbitro: Miguel Ángel Ortiz Arias (Madrid), auxiliado nas bandas por Luís Enrique Moreno del Campo e Javier Francisco Gómez García. Amoestou a De La Nava, polo Unionistas, e a Nacho López e Míkel Arruabarrena, polo Pontevedra.
Goles: (1-0) Minuto 34: Adrián Llano.
Incidencias: Estadio Pistas do Helmántico Javier Sotomayor (Salamanca). Moi boa entrada cuns 1.500 espectadores no debut dos locais en Segunda División B.
Relacionadas:
-
Álex González fai estalar Pasarón no desconto para derrotar á Cultural Leonesa (2-1)
Por Diego Espiño & Diego Torrado |
-
Proba esixente para o Pontevedra no seu primeiro partido na casa da tempada
Por Diego Espiño |
-
Deslucida presentación da nova camiseta do Pontevedra
Por Diego Espiño |
-
Luismi márcase como obxectivo "intentar hacer de Pasarón un fortín"
Por Diego Espiño |
-
A liga empeza para o Pontevedra ante un Unionistas de Salamanca que "nos va a exigir"
Por Diego Espiño |
-
Peche á pretempada granate cun empate sen goles ante o Alondras
Por Redacción |
-
Luismi: "Realmente queremos ver hasta dónde podemos llegar"
Por Diego Espiño |
-
Pibe por lesión e Javi López por sanción, baixas seguras do Pontevedra para o debut ligueiro
Por Diego Espiño |