O Navalcarnero cae en Copa do Rei antes de medirse ao Pontevedra
Por Redacción
Mentres o Pontevedra continúa preparando o choque da terceira xornada de liga, que lle enfrontará ao Navalcarnero a domicilio o sábado (18:00 horas), os granates miran de esguello ao seu próximo rival, que este mércores afrontou a primeira eliminatoria da Copa do Rei.
O cadro madrileño quedou eliminado do torneo do K.O. despois de ceder no seu estadio ante precisamente o último opoñente do Pontevedra na liga, a Cultural Leonesa (0-2).
Está por ver agora se o cansazo pasará factura ao Navalcarnero, tendo en conta que o seu adestrador Iván Ruiz apostou por aliñar na Copa un once case idéntico ao que venceu en liga o Rápido de Bouzas a pasada fin de semana. Só tres futbolistas cederon o seu posto no equipo titular, como foron Fran, Joya e Ángel, pero os tres acabaron entrando no terreo de xogo na segunda metade para tentar dar a volta ao marcador que se lles puxo en contra.
Foi un duelo de moita intensidade que se decidiu pasado o ecuador da primeira metade en varias xogadas clave. Primeiro ao anular o colexiado un tanto dos locais por fóra de xogo no 29, unha acción que precedeu ao 0-1 que anotou Aridane coa colaboración dun defensa que desviou a traxectoria do seu remate. Era o minuto 32 e no 34 chegaría o 0-2 definitivo obra de Yeray. Tras o descanso os locais fixeron un esforzo para tentar meterse na eliminatoria, pero sen éxito ante o bo facer leonés.
O Navalcarnero ocupa actualmente a segunda posición da clasificación con 4 puntos, despois de empatar na xornada inicial en casa ante o Coruxo e gañar fóra ao Rápido de Bouzas.
Relacionadas:
-
Reacciona ben o Pontevedra para rabuñar un punto en Navalcarnero (1-1)
Por Redacción |
-
Cos 18 dispoñibles a Navalcarnero na busca da primeira vitoria a domicilio
Por Diego Espiño |
-
As baixas na defensa, unha oportunidade "para otros futbolistas que van a tener que dar un paso al frente"
Por Diego Espiño |
-
Pendentes do estado físico de Adrián León e Nacho Lorenzo
Por Redacción |
-
Álex González fai estalar Pasarón no desconto para derrotar á Cultural Leonesa (2-1)
Por Diego Espiño & Diego Torrado |
-
Deslucida presentación da nova camiseta do Pontevedra
Por Diego Espiño |