Álex González pon en vantaxe o Pontevedra na final da Copa Federación (0-1)
Por Redacción
O título de campión da Copa Federación, e con el os 90.152 euros de premio que leva o vencedor, está un pouco máis preto para o Pontevedra Club de Fútbol, que este mércores logrou un valioso triunfo no partido de ida da final disputado en Ontinyent.
Luismi deu prioridade á liga e expuxo un once inicial no Estadio Municipal El Clariano no que só repetía un futbolista con respecto á formación do último duelo ligueiro ante o Talavera, David Castro, sancionado na competición regular por acumulación de amoestacións. O técnico recorreu de novo ao esquema de tres centrais, que usou en varias ocasións, con Goldar, Pacheco e o citado David Castro na retagarda, acompañados de Marcos Álvarez e Pibe nos carrís, mentres que no medio do campo a oportunidade era para Prosi, Jesús Barbeito e Jorge con Berrocal e Iván Martín como estiletes en ataque.
Como boa final, o encontro arrincou cuns minutos de tenteo entre ambos os conxuntos, aínda que os granates viviron un pequeno susto aos dous minutos nunha imprecisión de Anxo tras centro de Sascha. Non afectou e aos poucos o Pontevedra foi mostrándose máis sereno para pisar campo contrario e comezar a ameazar con saídas en velocidade, aínda que sen precisión nos últimos metros.
Houbo que esperar ata pasado o cuarto de hora para ver a primeira ocasión importante dos pontevedreses, nunha acción de desborde de Pibe polo costado esquerdo que Iván Martín rematou desviado. A acción serviu ao Pontevedra para facerse un pouco máis dono do balón, con saídas elaboradas e un amorne que non permitía ao Ontinyent achegarse con excesivo perigo.
Seguiron pasando os minutos coa pelexa no mediocampo gañando terreo, e aínda que tentaron os valencianos dar un paso á fronte, a mellor ocasión chegou ao fío do descanso para o cadro granate, nun remate Prosi desde a frontal e o posterior rexeite para Iván Martín que se atoparon cun seguro Satoca en portería.
A segunda metade comezou coa mesma tónica e un achegamento tímido finalizado sen acerto por Iván. Seguía ben plantado o Pontevedra, sobre todo a nivel defensivo, polo que o Ontinyent empezou a recorrer a un xogo máis directo e físico para tentar encerrar aos granates. Conseguírono por momentos a base de empuxe e aproveitando un par de accións de estratexia.
Pasado o momento, o 0-0 valía aos de Luismi, que cedían a iniciativa e non querían asumir excesivos riscos aínda que non renunciaban a atopar algunha acción que puidera supoñer o valioso gol en campo contrario. Púidoo conseguir Pibe preto de 70 nun lanzamento afastado que se marchou lixeiramente desviado.
Tamén puido o Ontinyent tomar vantaxe por medio de Juanan ao cazar un balón na frontal da área lanzando un potente chute que marchou alto por pouco. Foi unha das máis claras dos locais, que aínda tiveron algunha máis ata o final. O Pontevedra pola súa banda tirou de oficio para durmir o encontro cando tiña ocasión e que se achegase o asubío final.
Todo parecía encamiñado ao empate sen goles, ata que no tempo de desconto Álex González, que apenas levaba seis minutos sobre o terreo de xogo, puxo todo patas para arriba marcando un gol que vale ouro para tentar levantar a segunda Copa Federación da historia do Pontevedra. Aínda puido empatar na seguinte xogada Tito, pero atopouse co pau e os granates chegarán con vantaxe ao duelo de volta, onde todo decidirase, o vindeiro mércores 11 de abril no Estadio Municipal de Pasarón.
ONTINYENT CF (0): Satoca, Bauti (Soler, minuto 64), Fran Perujo, Franco Russo, Carrasco, Juanan, Alberto Rubio, Rober, Raúl González (Leonardo, minuto 80), Sascha (Miguel Nemesio, minuto 74), Andreu, Tito Malagón.
PONTEVEDRA CF (1): Anxo, Pacheco, David Castro, Goldar, Jesús Barbeito, Prosi, Marcos Álvarez, Berrocal, Jorge Hernández (Kevin, minuto 64), Iván Martín (Álex González, minuto 85), Pibe (Jimmy, minuto 76).
Árbitro: David Eduardo Sevilla, auxiliado nas bandas por Fernando Moreno e Carlos Bustos (Castilla A Mancha). Amoestou a Franco Russo e Tito Malagón no Ontinyent e a Jesús Barbeito no Pontevedra.
Gol: Álex González (minuto 91).
Incidencias: Partido de ida da final da Copa Real Federación Española de Fútbol disputado no Estadio Municipal El Clariano de Ontinyent.
Relacionadas:
-
Campións! O Pontevedra fai valer a renda e conquista a súa segunda Copa Federación ante Ontinyent (0-0)
Por Ramiro Espiño & Mónica Patxot |
-
Luismi, ante a volta da Copa RFEF: "No todos los días se juega una final"
Por Diego Espiño |
-
Camisetas conmemorativas para a final de Copa Federación
Por Diego Espiño |
-
Entradas de balde na liga para quen acuda á final da Copa Federación
Por Redacción |
-
O Pontevedra rompe en Navalcarnero o seu maleficio como visitante para saír do descenso (0-2)
Por Redacción |
-
Fóra da casa, herba sintética, horario matinal... "ahora ya no hay excusas" para o Pontevedra
Por Diego Espiño |
-
Os nenos ingresados no Hospital Provincial reciben a visita dos xogadores do Pontevedra
Por Redacción |
-
Jimmy e o seu calvario coas lesións
Por Diego Espiño |
-
O futuro da portería do Pontevedra está nas súas mans
Por Diego Espiño |
-
A Copa Federación empézase a decidir en Ontinyent
Por Diego Espiño |
-
O porteiro do Pontevedra Jorge Carrillo, convocado pola Selección Española Sub-16
Por Redacción |
-
Seis xornadas de infarto para tentar evitar o descenso a Terceira División
Por Diego Espiño |
-
Goleada para a esperanza do Pontevedra sobre o Talavera (4-0)
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado |