O Pontevedra rompe en Navalcarnero o seu maleficio como visitante para saír do descenso (0-2)
Por Redacción
Seis meses levaba sen gañar fóra o Pontevedra Club de Fútbol, desde que o fixese o 1 de outubro en Ferrol, unha xeira negativa demasiado prolongada no tempo e que este domingo chegou no seu fin nun momento no que xa non había marxe para o erro. Os granates, vestidos esta vez de azul, dobregaron o CDA Navalcarnero, equipo que chegaba como cuarto clasificado e na pelexa polo play-off de ascenso. Con todo desexouno máis o Pontevedra, que mostrou a súa versión máis sólida para facerse con tres puntos que lle fan escapar dos postos de descenso directo.
A melloría no encontro na casa ante o Talavera e na ida da final de Copa Federación en Ontinyent tivo continuidade en Madrid, demostrando os de Luismi que queren evitar a queima. Do mesmo xeito que no torneo copeiro, pensando no terreo de xogo de herba artificial e ao xogo do Navalcarnero, apostou o técnico pontevedrés por unha liña de tres centrais atrás, acompañados de Álex González e Juan Barbeito nos carrís.
O certo é que o plantexamento fixo que o Pontevedra non sufrise en exceso no primeiro tempo, aínda que o encontro comezou cun susto cando apenas transcorreran uns segundos de xogo, nun lanzamento desde case o centro do campo que obrigou a Edu intervir para mandar o balón a córner. Foi unha acción illada, e desde a calma os granates foron facéndose fortes para pensar en avanzar metros.
Tardou un cuarto de hora en chegar a primeira ocasión pontevedresa, ata entón sen profundidade nos últimos metros, nun remate forzado de Añón que atrapou sen problemas Isma Gil. Aos poucos foillo crendo o equipo e Éder volveu tentalo sen fortuna, ao marchar o seu remate lixeiramente desviado.
Tentou reaccionar o Navalcarnero cun disparo de Cidoncha de lonxe que a defensa desviou a córner, pero non concedía facilidades o Pontevedra, que esperaba aproveitar algún achegamento. Logrouno pouco despois, por medio dun dos seus futbolistas máis en forma nas últimas semanas, Álex González. Corría o minuto 33 de partido cando unha boa combinación no costado zurdo permitiu ao cántabro pisar área e definir cun chute cruzado e raso e adiantar ao seu equipo no marcador.
O gol fixo dano nos madrileños, que apenas se aproximaron á área defendida por Edu Sousa ata o descanso, mentres que os de Luismi deron un paso atrás para consolidar a súa vantaxe e mesmo gozaron dunha oportunidade de Mouriño que atrapou o gardameta local.
Comezou con máis ritmo a segunda metade. Tivo o Pontevedra dúas accións nada máis empezar para facer o segundo, nun disparo de Mouriño e noutra acción á que non chegou Éder por pouco en boa situación, pero foi o Navalcarnero o que se estirou en busca da igualada. Así empezou a roldar con maior frecuencia a área pontevedresa. Fíxoo primeiro nun aviso de Joaquín que se foi alto, pero o futbolista madrileño, recentemente ingresado no terreo de xogo, insistiu e aproveitou unha indecisión de Darío para plantarse ante Edu. Por fortuna foi impreciso na definición e mandouna fóra, aínda que reclamando con insistencia un penalti que o colexiado non concedeu.
Tocaba sufrir e o Pontevedra tivo que poñerse o mono de traballo en defensa. Édgar volveu poñer a proba os corazóns dos afeccionados galegos desprazados a Madrid, pero pasou o mal momento e o que chegou foi o 0-2, obra de Éder Díez. O dianteiro zafouse na área para facer bo un envío en longo e enviar o balón ao fondo da rede aos 61 minutos.
Foi un golpe que achegou tranquilidade e desactivou ao arreón local, xa que o Navalcarnero a pesar de que seguiu tentando irse a campo contrario perdeu forza nos seus achegamentos ante un equipo granate que se mostraba sólido e aguerrido para conservar a súa vantaxe.
Foron poucas as opcións ata o final, e aínda así o equipo madrileño puido poñer picante aos minutos finais. Con todo primeiro Édgar viu como lle anulaban un tanto por fóra de xogo e Adrián León sacaba baixo paus o balón nun saque de esquina. Era o día do Pontevedra, a xornada na que poñer fin a un maleficio que duraba demasiado tempo e no que enlaza a súa segunda vitoria consecutiva na liga para pensar, máis que nunca, que a salvación é posible.
CDA NAVALCARNERO (0): Isma Gil, Carlos, José Antonio, Jesús (Joaquín, minuto 46), Alejandro González, Acosta, Cifo (Ónega, minuto 59), Molina, Edgar, Cidoncha, Barbosa (Fran Santano, minuto 71).
PONTEVEDRA CF (2): Edu, Juan Barbeito, Adrián León, Goldar, Darío Flores, Álex Fernández, Kevin, Álex González, Éder (Berrocal, minuto 80), Mouriño (Prosi, minuto 86), Añón (Jorge Hernández, minuto 70).
Árbitro: Sergio Usón Rosel, auxiliado nas bandas por Alejandro Torres Pardina e Armando Ramo Andrés (Aragón). Amoestou a Joaquín, Ónega e Carlos no Navalcarnero e a Álex González, Kevin e Mouriño no Pontevedra.
Goles: 0-1 Álex González (min.33), 0-2 Éder (min.61).
Incidencias: Partido da xornada 33 de liga na Segunda División B disputado no Estadio Municipal Mariano González de Navalcarnero. Gardouse un minuto de silencio en memoria de Alberto Llana Esparcia, ex directivo do club local.
Relacionadas:
-
Que a festa continúe ante o Guijuelo
Por Diego Espiño |
-
Luismi, ante a volta da Copa RFEF: "No todos los días se juega una final"
Por Diego Espiño |
-
Camisetas conmemorativas para a final de Copa Federación
Por Diego Espiño |
-
Entradas de balde na liga para quen acuda á final da Copa Federación
Por Redacción |
-
Fóra da casa, herba sintética, horario matinal... "ahora ya no hay excusas" para o Pontevedra
Por Diego Espiño |
-
Os nenos ingresados no Hospital Provincial reciben a visita dos xogadores do Pontevedra
Por Redacción |
-
Jimmy e o seu calvario coas lesións
Por Diego Espiño |
-
Álex González pon en vantaxe o Pontevedra na final da Copa Federación (0-1)
Por Redacción |