Goleada para a esperanza do Pontevedra sobre o Talavera (4-0)
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado
Goles para a esperanza. O Pontevedra pasou por encima do Talavera sumando tres puntos vitais para seguir crendo que a permanencia é posible, polo menos se o equipo xoga con estas ganas, intensidade e especialmente acerto no remate. Con Mouriño dirixindo a orquestra e dando exemplo, Éder entregado a unha loita constante e Jorge, demoledor nos poucos minutos nos que actuou para redondear o resultado, os granates toman aire e especialmente confianza.
Añón, de penalti, Éder, ambos na primeira parte, Jorge e de novo Éder na segunda, asinaron o resultado máis amplo do ano, sobre un Talavera que causou unha pobre impresión, especialmente á hora de manexar o balón cando o repregamento local concedeulles a posesión.
Pero a posta en escena do Pontevedra non presaxiaba nada bo. Con tanto en xogo por parte granate, eran os talaveranos os que se mostrabas máis intensos e agresivos nas disputas e balóns divididos. Con todo, o fútbol é así de imprevisible, cando practicamente non pasara nada, Mouriño gaña un balón na liña de fondo, quebra a Óscar Prats, que imprudentemente ponlle a man nas costas ao verse pasado e o granate ao sentir o contacto vaise ao chan. Penalti "light" se se quere, pero real, ben visto polo colexiado, que estaba a menos de tres metros da xogada. David Añón encargouse de transformalo, con seguridade, enganando por completo ao meta.
O gol cambiou totalmente a decoración. De verse dominado e sen balón, o Pontevedra soltou ataduras e fíxose co partido. Mouriño puido facer o segundo nunha deixada de Álex González, pero o disparo saíulle lixeiramente alto desde a frontal. A presión sobre a saída de balón dos visitantes facía sufrir á zaga talaverana, tanto que dun mal despexe nace o 2-0. Álex Fernández rexeita de cabeza e pona nos pés de Mouriño, que coa defensa saíndo ve a chegada de Éder, desmarcado, poñéndolle o balón en bandexa para empuxar á rede.
Pero en lugar de atopar a tranquilidade co marcador tan favorable, o Pontevedra deu un perigoso paso atrás, permitindo que o Talavera volvese tomar o mando, manexando o balón preto da zona de perigo, tan preto que a punto estiveron de reducir distancias no seu único disparo entre os tres paus en todo o primeiro tempo. Foi, iso si, unha ocasión clarísima, das que non se adoitan perdoar. Nun centro de Jorge, Jesús Jiménez rematou só, ao bordo da área de meta, pero Edu conseguiu sacar milagrosamente co pé, pouco despois de cumprirse a media hora de xogo.
Os granates deron a impresión de verlle as "orellas ao lobo" e gañaron metros, non volvendo sufrir ata o descanso.
Dada a situación, calquera na bancada e os mesmos xogadores locais asinarían que na segunda parte pasasen as menos cousas posibles e así foi, polo menos nos 20 minutos seguintes. O Talavera tivo o balón, pero foi incapaz de inquietar nin o máis mínimo, convertendo a Edu nun espectador máis, ata que de súpeto removeuse o avispeiro. Fíxoo, como non, un Mouriño soberbio, cun reverso espectacular e un non menos espectacular remate coa súa perna menos boa, a esquerda, que foi parar ao traveseiro.
A acción fixo subir o ritmo e as palpitacións dos protagonistas. O Talavera pareceu espertar, pero sempre de forma tímida, lastrada polos constantes foras de xogo en que incorrían os seus homes de arriba. Como na primeira parte, os visitantes dispoñerían dunha soa ocasión clara e mesmo nesa nin sequera finalizada por eles mesmos, senón por David Castro, que no intento de despexe mandou o balón ao seu traveseiro.
A reacción local veu a través do traballo e a presión ao rival, pero tamén da calidade individual de Jorge Hernández, que no primeiro balón que tocaba ao pouco de entrar no campo inventouse un auténtico golazo, superando en "slalon" ata a catro rivais aos que deixou tirados para encarar a Sergio Arenas e baterlle cruzando o balón á cepa do poste.
Era a tranquilidade definitiva, incrementada ata alegría e satisfacción completa con outra nova xenialidade de Jorge ao poñer un centro desde a liña de fondo que aproveitou Éder para redondear unha excelente tarde, lanzándose en ferro no primeiro pau para poñer o balón na rede e facer xustiza ao mellor xogo, pero especialmente á maior intensidade coa que nesta ocasión os granates desarbolaron aos seus rivais.
Hai vida, aínda que a reacción debe ser referendada nas seguintes xornadas, pero polo menos a Semana Santa en lugar de ser de "paixón" será de esperanza para a afección pontevedresa e o propio equipo.
PONTEVEDRA CF (4): Edu; Juan Barbeito, David Castro, Adrián León, Darío Flores, Álex Fernández (Jimmy, minuto 70), Álex González (Jorge, minuto 79), Kevin Presa, Éder, Mouriño e David Añón (Pibe, minuto 83).
TALAVERA CF (0): Sergio Arenas; Óscar Prats, Villarejo (Rubén Rivera, 77), Mario, Gonzalo, Hakim, Paul Quaye (Cabanas, minuto 60), Víctor Andrés, Espinar (Laerte, minuto 46), Jesús Jiménez e Jorge.
Árbitro: Germán Cid Camacho (Castela-León), auxiliado nas bandas por Óscar Martín Pérez e Ángel Manso Rojas. Amoestou a David Castro, Éder, Kevin Presa e Juan Barbeito, no Pontevedra, e a Espinar, Villarejo, Óscar Prats e Hakim, no Talavera.
Goles: (1-0) Minuto 12: David Añón, de penalti. (2-0) Minuto 21: Éder. (3-0) Minuto 81: Jorge. (4-0) Minuto 84: Éder.
Incidencias: Estadio Municipal de Pasarón (Pontevedra). Uns 2.500 espectadores.
Relacionadas:
-
Álex González pon en vantaxe o Pontevedra na final da Copa Federación (0-1)
Por Redacción |
-
A Copa Federación empézase a decidir en Ontinyent
Por Diego Espiño |
-
O porteiro do Pontevedra Jorge Carrillo, convocado pola Selección Española Sub-16
Por Redacción |
-
Seis xornadas de infarto para tentar evitar o descenso a Terceira División
Por Diego Espiño |
-
O Pontevedra recibe o Talavera sen máis marxe para o erro: "Ya no podemos fallar"
Por Diego Espiño |
-
O Pontevedra repite promocións para o choque do Xoves Santo ante o Talavera
Por Redacción |
-
Bo partido sen premio dun Pontevedra que esgota "vidas" ao perder co Fabril (1-0)
Por Ramiro Espiño |