A Copa Federación empézase a decidir en Ontinyent
Por Diego Espiño
Conseguir o segundo título da súa historia na Copa Federación (o primeiro foi na campaña 2006/2007) é o obxectivo do Pontevedra ante a final da competición que se inicia este mércores ás 19:45 horas no Estadio El Clariano de Ontinyent.
Os granates, cun ollo posto na liga ante o moito que se xogan no tramo final de tempada, buscarán un bo resultado durante os primeiros 90 minutos de eliminatoria no campo do actual oitavo clasificado do Grupo III da Segunda B.
O cadro valenciano descolgouse da zona de play-off de ascenso despois de cinco xornadas consecutivas sen gañar en liga, e pon as súas miras agora nun torneo copeiro que aspira a gañar por primeira vez na súa historia.
Luismi dará descanso a varios titulares pensando no duelo do domingo ante o Navalcarnero, polo que ata sete futbolistas que actuaron no once inicial ante o Talavera quedaron en Pontevedra, como son Darío Flores, Añón, Adrián León, Álex Fernández, Éder e Mouriño, ademais do xuvenil Juan Barbeito. Tampouco non entraron na convocatoria os tocados Nacho López e Lezcano.
Desta forma a expedición granate, que partiu este martes desde a Boa Vila, compóñena: Anxo, Edu Sousa, Marcos Álvarez, David Castro, Kevin, Goldar, Prosi, Pibe, Berrocal, Jimmy, Álex González, Iván Martín, Jorge Hernández e os canteiráns Jesús Barbeito, Pacheco e Josiño.
Pola súa banda o Ontinyent, que chegou á final tras desfacerse na fase nacional da competición do Cartagena B, Villarrobledo, Betis Deportivo e Vilafranca, afronta o encontro coas baixas de Javi Zarzo e Michael Anaba.
Relacionadas:
-
Álex González pon en vantaxe o Pontevedra na final da Copa Federación (0-1)
Por Redacción |
-
O porteiro do Pontevedra Jorge Carrillo, convocado pola Selección Española Sub-16
Por Redacción |
-
Seis xornadas de infarto para tentar evitar o descenso a Terceira División
Por Diego Espiño |
-
Goleada para a esperanza do Pontevedra sobre o Talavera (4-0)
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado |
-
A final de Copa Federación espera o Pontevedra tras empatar en Sagunto (1-1)
Por Redacción |