Diego Castro goza en Pontevedra as súas vacacións australianas
Por Ramiro Espiño
Fai algo menos dun ano, Diego Castro, un dos fútbolistas máis destacados saídos das filas do Pontevedra, decidiu deixar a Primeira División española, onde tivo unha destacada presenza nas filas de equipos como Málaga, Sporting de Gijón e Getafe, para irse ás antípodas e fichar polo Perth Glory da A-League australiana, a primeira división do país oceánico.
Tras triunfar na súa arriscada aventura, recibindo varios premios como a Johnny Warren Medal que lle acredita como mellor futbolista da competición na súa primeira tempada, na que anotou 13 goles e repartido 4 asistencias, o futbolista de Lourido goza unha parte das súas vacacións en Pontevedra, visitando á súa familia e amigos.
PontevedraViva atopou a Diego Castro nun intre de descanso na terraza da cafetería Carabela, acompañado do seu pai, Fernando Castro Santos, accedendo amablemente a concedernos unha breve entrevista.
- De vacacións, pero por pouco tempo, imaxino, porque enseguida hai que volver a Australia.
- Si, bo, a min danme un pouco máis de tempo porque saben que logo non vés en todo o ano, xa que alí en decembro non se para a liga, e teño ese permiso do club para poder pasar un pouco máis de tempo coa miña familia, aquí en Pontevedra agora, logo en Málaga, aínda que sen deixar de prepararme fisicamente, porque en breve empezamos.
- Sentes 'morriña' tan lonxe de casa?
- 'Morriña' eu sentina sempre, non só agora, porque ao final polo meu traballo levo moito tempo fóra de Galicia e de Pontevedra, e por iso lévoa notando moito tempo, e mesmo ás veces noteina máis forte que estando en Australia, por iso das tecnoloxías e todo iso que agora che achegan máis, pero bo, logo temos os veráns para reencontrarnos, como agora, e faise moi agradable.
- Primeira aventura australiana, tan lonxe de casa e triunfando, porque non foi mala a experiencia.
- Si. É unha experiencia dura, porque é a primeira vez que saía do meu país para vivir fóra, coa miña familia, os meus fillos, e ao final foi dura pero enriquecedora en todos os sentidos, mesmo no deportivo, que para a miña sorpresa cando cheguei alí, que descoñecía a liga, un ano despois xa son un afeccionado máis desa maneira de entender o fútbol.
- Alí recibíronche como un auténtico ídolo, non?
- Si. Cando te vas alén do mundo como me fun eu e vas coñecer outra cultura nunca sabes como che van a recibir. Eu nese sentido teño que estar agradecido, e tamén puxen do meu parte para repetir na mesma cidade, a mesma experiencia, coa mesma xente, porque me trataron de dez.
- Segues ao Pontevedra na distancia?
- Se, tento seguilo. Aquí teño ao meu pai que sempre está a falar diso, pero xa o vexo desde un punto como afeccionado, non tanto como cando estaba en España, que o segues máis.
Relacionadas:
-
O pontevedrés Diego Castro, campión da Primeira División australiana e renovación por dúas tempadas máis
Por Diego Espiño |
-
O pontevedrés Diego Castro renova no Perth Glory da Primeira División australiana
Por Diego Espiño |
-
VÍDEO.- Os cinco mellores goles do 'Maestro' Diego Castro na liga australiana
Por Diego Espiño |
-
VÍDEO.- O pontevedrés Diego Castro, elixido mellor xogador da A-League australiana
Por Diego Espiño |
-
Diego Castro, favorito ao premio a mellor xogador da liga australiana
Por Diego Espiño |
-
O pontevedrés Diego Castro fai as antípodas e asina polo Perth Glory australiano
Por Diego Espiño |