Poio Artai volve ás andadas fronte a Bueu (17-33) e BM Pontevedra complícase ao ceder ante a S.A.R. (28-30)
Por Redacción
Pouco durou o lixeiro apuntamento de melloría do Poio Artai. Tras a boa imaxe ofrecida a xornada anterior en Lalín, os rojillos tiñan unha especie de reválida coa visita do Bueu Atlético, que chegaba ao pavillón da Seca nunha posición tranquila na táboa e que levou os dous puntos con máis facilidade da prevista.
Os locais entregaron o partido case antes de saltar á pista. En só sete minutos o marcador reflectía un 0-5 favorable ao Bueu Atlético, pero eses números subirían ata un vergoñoso 1-10 aos 14 minutos que practicamente botaba por terra calquera esperanza local de conseguir os seus primeiros puntos na tempada.
A leve melloría unicamente serviu para manter esa diferenza ata o descanso (9-19), pero na segunda parte, e sen necesidade de empregarse a fondo, o Bueu foi poñendo cada vez máis distancia no luminoso ata unha máxima de 17 goles (14-31), para terminar con ese contundente 17-33 final.
Consulta aquí as estatísticas completas do partido.
BM PONTEVEDRA ROZA A REMONTADA IMPOSIBLE ANTE A S.A.R.
Difícil de explicar o visto no Municipal pontevedrés entre BM Pontevedra e S.A.R. de Redondela. os de Pedro Pérez pasaron de facer un mal partido na primeira parte e practicamente telo entregado ben avanzada a segunda, a acariñar a remontada imposible e ter opcións de sumar polo menos un punto no último minuto.
A posta en escena do equipo local non puido ser máis desafortunada. Os redondelanos fóronse cunha vantaxe de sete goles superado o minuto 20 de partido (6-13), para retirarse ao descanso mandando (12-18) e co partido absolutamente controlado.
Mantívose a dinámica na segunda parte, incluso a vantaxe visitante subiu a oito (16-24) a falta de 20 minutos. Pero nese momento o partido comezou a cambiar. Con todo perdido, BM Pontevedra foi recortando aos poucos ata poñerse a un só gol abaixo (28-29) a falta de case dous minutos.
Ambos os equipos tiveron as súas opcións, con tempos mortos solicitados polos seus adestradores, pero sería a S.A.R. quen lograría evitar que os locais culminasen a remontada, sentenciando o resultado cun gol sobre a bucina de Héctor Soage para poñer o 28-30 no marcador, que deixa aos pontevedreses nunha situación delicada.
Relacionadas:
-
Balonmán.com Pontevedra non desaproveita a oportunidade de sumar á conta de Lavadores (32-23)
Por Redacción |
-
Poio Artai tampouco pode con Granitos Ibéricos (19-28) e triunfo agónico do BM Pontevedra no Porriño (26-27)
Por Redacción |
-
BM Pontevedra afúndese na recta final fronte a OAR Coruña (24-34)
Por Redacción |
-
Acanor Atlético Novás pasa por encima do Poio Artai como unha apisoadora (38-14)
Por Redacción |
-
BM Pontevedra paga coa derrota os seus erros en Bueu (31-27) e Poio Artai compite pero cae en Lalín (34-26)
Por Redacción |
-
Sen opcións BM Pontevedra en Chapela (29-19) nin Poio Artai ante Seis do Nadal Coia (17-33)
Por Redacción |
-
Derrotas claras de BM Pontevedra ante Luceros (22-28) e Poio Artai na Cañiza (32-25)
Por Redacción |