Poio Artai volve ás andadas fronte a Bueu (17-33) e BM Pontevedra complícase ao ceder ante a S.A.R. (28-30)
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/a20/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjKxUipKLc6sStUxMjDQSU_/_7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/569aae39ed-20160116-diegotorrado-poio-artai3.jpg)
© Diego Torrado
![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/d59/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjKxUipKLc6sStUxMjDQSU_/_7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/569aae4f3c-20160116-diegotorrado-poio-artai7.jpg)
© Diego Torrado
Pouco durou o lixeiro apuntamento de melloría do Poio Artai. Tras a boa imaxe ofrecida a xornada anterior en Lalín, os rojillos tiñan unha especie de reválida coa visita do Bueu Atlético, que chegaba ao pavillón da Seca nunha posición tranquila na táboa e que levou os dous puntos con máis facilidade da prevista.
Os locais entregaron o partido case antes de saltar á pista. En só sete minutos o marcador reflectía un 0-5 favorable ao Bueu Atlético, pero eses números subirían ata un vergoñoso 1-10 aos 14 minutos que practicamente botaba por terra calquera esperanza local de conseguir os seus primeiros puntos na tempada.
A leve melloría unicamente serviu para manter esa diferenza ata o descanso (9-19), pero na segunda parte, e sen necesidade de empregarse a fondo, o Bueu foi poñendo cada vez máis distancia no luminoso ata unha máxima de 17 goles (14-31), para terminar con ese contundente 17-33 final.
Consulta aquí as estatísticas completas do partido.
BM PONTEVEDRA ROZA A REMONTADA IMPOSIBLE ANTE A S.A.R.
Difícil de explicar o visto no Municipal pontevedrés entre BM Pontevedra e S.A.R. de Redondela. os de Pedro Pérez pasaron de facer un mal partido na primeira parte e practicamente telo entregado ben avanzada a segunda, a acariñar a remontada imposible e ter opcións de sumar polo menos un punto no último minuto.
A posta en escena do equipo local non puido ser máis desafortunada. Os redondelanos fóronse cunha vantaxe de sete goles superado o minuto 20 de partido (6-13), para retirarse ao descanso mandando (12-18) e co partido absolutamente controlado.
Mantívose a dinámica na segunda parte, incluso a vantaxe visitante subiu a oito (16-24) a falta de 20 minutos. Pero nese momento o partido comezou a cambiar. Con todo perdido, BM Pontevedra foi recortando aos poucos ata poñerse a un só gol abaixo (28-29) a falta de case dous minutos.
Ambos os equipos tiveron as súas opcións, con tempos mortos solicitados polos seus adestradores, pero sería a S.A.R. quen lograría evitar que os locais culminasen a remontada, sentenciando o resultado cun gol sobre a bucina de Héctor Soage para poñer o 28-30 no marcador, que deixa aos pontevedreses nunha situación delicada.