Poio Artai tampouco pode con Granitos Ibéricos (19-28) e triunfo agónico do BM Pontevedra no Porriño (26-27)
Por Redacción
Segue Poio Artai o seu triste deambular nesta tempada na primeira división estatal, acumulando derrota tras derrota e sen conseguir sumar nin un só punto ata o momento nas 17 xornadas disputadas. Esta vez foi o Granitos Ibéricos quen levou os puntos da Seca, nun partido sen apenas historia, dominado polos visitantes desde o asubío inicial.
Sobre o papel, o equipo vigués aparecía como un dos máis alcanzables para que o Poio buscase a súa primeira vitoria, pero pronto se viu que esta tampouco ía ser a tarde dos rojillos. Granitos Ibéricos anotou un parcial de saída de 0-3 no primeiros sete minutos de partido e foi escapándose aos poucos no marcador para retirarse ao descanso co partido practicamente resolto ao seu favor (7-15).
Na segunda metade os visitantes ampliaron a renda ata unha máxima diferenza de dez goles (10-21) aos 40 minutos de partido. logo deixáronse ir con comodidade para terminar vencendo sen problemas por ese claro 19-28 final.
Consulta aquí as estatísticas completas do partido.
BM PONTEVEDRA CONSEGUE DOUS PUNTOS AGÓNICOS NO PORRIÑO
Parecía que todo estaba resolto e case se lle escapa unha vitoria importantísima ao BM Pontevedra na pista do BM Porriño. Os de Pedro Pérez dominaban o partido por cinco goles a falta de pouco máis de once minutos, pero atascáronse en ataque, non logrando anotar nin un só tanto máis nesa recta final, vendo como os locais recortaban distancias ata ese 26-27 con que finalizou o partido, despois de que ningún dos equipos conseguise facer mover o marcador nuns catro minutos finais cheos de nervios, erros e emoción.
A primeira parte foi estraña, co Porriño que se sobrepuxo ao bo comezo pontevedrés para conseguir unha vantaxe cómoda (10-5) aos 13 minutos de partido. Os visitantes reaccionarían cun parcial de 0-5 para empatar (minuto 19) e chegar ao descanso con alternativas e mínima vantaxe pontevedresa (14-15).
Na continuación BM Pontevedra abriu unha pequena brecha de tres goles (17-20), no minuto 37, que conseguirían ampliar ata alcanzar a súa máxima vantaxe (20-26) a falta de algo máis de doce minutos para o final.
Nese momento, co partido aparentemente sentenciado, BM Porriño rozou o imposible e cun parcial de 6-1 colocouse nun 26-27 con catro minutos por xogar. Os nervios e erros en ambos os equipos impediron que o marcador se movese e BM Pontevedra sumou unha vitoria importantísima para poñer distancia cos postos de descenso.
Relacionadas:
-
Contundentes derrotas de Balonmán.com ante Seis do Nadal (22-35) e Poio Artai fronte a Luceros (31-19)
Por Redacción |
-
Balonmán.com deixa escapar o triunfo na Cañiza (29-27) e Poio Artai cae ante Calvo Xiria (22-34)
Por Redacción |
-
Balonmán.com Pontevedra non desaproveita a oportunidade de sumar á conta de Lavadores (32-23)
Por Redacción |
-
BM Pontevedra afúndese na recta final fronte a OAR Coruña (24-34)
Por Redacción |
-
Acanor Atlético Novás pasa por encima do Poio Artai como unha apisoadora (38-14)
Por Redacción |
-
Poio Artai volve ás andadas fronte a Bueu (17-33) e BM Pontevedra complícase ao ceder ante a S.A.R. (28-30)
Por Redacción |