Gómez Noya promete facelo "o mellor posible" en Pontevedra malia "non ser unha proba prioritaria para min"
Por Diego Espiño
"Como pontevedrés é un orgullo participar neste campionato de España". Así arrancou Javier Gómez Noya a súa comparecencia ante os medios de comunicación na presentación dos nacionais de Tríatlon Sprint e de Acuatlón, que se celebran esta fin de semana na cidade.
O actual campión do Mundo recoñece que a cita "non estaba prevista non meu calendario en principio" ao encontrarse "nun momento de adestramento moi duro pensando no mundial e noutras carreiras importantes". Malia iso advirte: "Unha vez que estea na liña de saída darei o mellor e traterei de gañar".
Gómez Noya participará "o sábado seguro e o domingo veremos", sinalou en relación á proba de acuatlón na que tamén está inscrito, aínda que non abandonará nin o mesmo sábado os adestramentos ao ter previsto exercitarse pola mañá, horas antes da carreira.
Con todo non podía deixar pasar a oportunidade de competir na casa e gozar dunha situación pouco habitual como "poder quentar saíndo da miña casa e chegar a liña de saída uns minutos antes da competición, é un luxo".
Gómez Noya: "Dende a distancia é chocante que o campión de España en distancia olímpica (Uxío Abuin) non poida estar"
O campión galego tamén valorou a ausencia no Nacional Sprint de Uxío Abuin e Pablo Dapena, campión e subcampión de España en distancia olímpica, ao non cumprir os criterios de clasificación. No caso de Pablo unha lesión impedíalle de igual modo estar na saída, pero "dende a distancia é chocante que o campión de España en distancia olímpica non poida estar" declarou Javi Gómez Noya ao entender que "sería bo para o espectáculo que Uxío estivera porque é un dous mellores deportistas nacionais".
Eses criterios, que asegurou descoñecer en profundidade, foron explicados en sala de prensa polos representantes de Federación Galega e Española, deixando aberta a posibilidade este último de varialos de cara á próxima tempada.
Para rematar, Javier Gómez Noya tivo tempo de valorar unha tempada na que, malia a súa situación de líder, as Series Mundiais "non son prioritarias" porque "o obxectivo vai encamiñado a Río o ano que vén, pero lóxicamente se chegamos o final con opción de desputar o mundial daremos o máximo para tratar de gañar".
Ademais, en relación á súa condición de finalista do premio Princesa de Asturias dos Deportes, o triatleta explicou que "non me quita o sono demasiado", aínda que recoñeceu que será complicado que lle concedan esa distinción no futuro: "se é por resultados deportivos creo que será difícil porque mellor co 2014 non creo que poida repetir un ano", sinalou.
Os campionatos de España de Triatlón Sprint e de Acuatlón reunirán en Pontevedra 1.557 deportistas nas diferentes categorías durante toda a fin de semana.
Relacionadas:
-
O Campionato de España de Acuatlón, tamén para un intratable Javier Gómez Noya
Por Diego Espiño & Diego Torrado |
-
Exhibición de Gómez Noya na casa para adxudicarse o Campionato de España Sprint
Por Redacción & Diego Torrado |
-
Atentos ao operativo especial de tráfico ante o Campionato de España de Triatlon e Aquatlon
Por Redacción |
-
Javier Gómez Noya encabeza a inscrición do Campionato de España de Tríatlon Sprint en Pontevedra
Por Diego Espiño |