Exhibición de Gómez Noya na casa para adxudicarse o Campionato de España Sprint
Por Redacción & Diego Torrado
Asegurou na previa que non chegaba no seu mellor momento, inmerso na preparación da segunda parte da tempada. De feito tiña programado un adestramento durante a mañá deste sábado, horas antes da carreira, pero nin así tivo rival.
Javier Gómez Noya proclamouse en Pontevedra campión de España de tríatlon sprint nunha carreira que dominou dende o inicio.
Noya saíu da auga tras completar os 750 metros de natación no Lérez na cabeza xunto a Guillem Rojas, formándose un grupo de catro atletas para afrontar os 20 quilómetros de ciclismo.
O seu bo entendemento fixo que a renda co grupo perseguidor se ampliase ata case un minuto na última transición, pero cando comezaron os 5 quilómetros a pé Gómez Noya tirou de galóns e marchou en solitario.
Entrou en meta cun tempo de 55:02, seguido de David Castro (56:03) e Nan Oliveras (56:10).
En categoría feminina a vencedora foi a venezolana Joselyn Brea (1:03:58), que foi de menos a máis para interceptar a Sara Pérez, primeira en saír da auga e que emprendeu unha aventura en solitario no ciclismo que prolongou ata a metade da carreira a pé.
Estefanía Domínguez, que entrou segunda, proclamouse campioa nacional ao ser a primeira española en entrar en meta, seguida de Camila Alonso e Anna Godoy, que completaron o podio.
Pola súa banda a pontevedresa Carmen Gómez Cortés regresou á competición tras a súa lesión conseguindo a medalla de prata na categoría júnior, nunha proba na que a vencedora foi a súa compañeira de equipo Inés Santiago.
Roberto Sánchez (Universidad Alicante) venceu en categoría júnior masculina, mentres Alberto González (Arcade Inforhouse) e Ana Carvajal (Triatlon Ferrol) foron os gañadores en cadetes.
A competición ten a súa continuación este domingo en Pontevedra coa disputa do Campionato de España de Acuatlón, no que Gómez Noya tamén confirmou a súa presenza.
Relacionadas:
-
O tríatlon regresa a Pontevedra en 2016: a Copa do Rei e o Nacional de relevos, en maio
Por Alejandro Espiño |
-
Javi Gómez Noya, a polo seu cuarto Europeo de tríatlon acompañado por Pablo Dapena
Por Alejandro Espiño |
-
Gómez Noya gaña con autoridade o Grand Prix de Dunkerque
Por Redacción |
-
O Campionato de España de Acuatlón, tamén para un intratable Javier Gómez Noya
Por Diego Espiño & Diego Torrado |
-
Gómez Noya promete facelo "o mellor posible" en Pontevedra malia "non ser unha proba prioritaria para min"
Por Diego Espiño |
-
Atentos ao operativo especial de tráfico ante o Campionato de España de Triatlon e Aquatlon
Por Redacción |
-
Javier Gómez Noya encabeza a inscrición do Campionato de España de Tríatlon Sprint en Pontevedra
Por Diego Espiño |