Sanxenxo, único porto español no que recalará a regata La Solitaire du Figaro 2015
Por Redacción
Sanxenxo será finalmente o único porto español no que recalen os preto de corenta monotipos franceses e ingleses que participarán na nova edición da regata La Solitaire du Figaro, que partirá de Burdeos o 31 de maio. Teñen previsto chegar ao porto pontevedrés o 2 de xuño e dende alí iniciarán a segunda etapa da proba cinco días despois, o 7 de xuño.
"O percorrido da Solitaire du Figaro-Eric Bompard Cachemire 2015, máis alá do interese deportivo e marítimo, permitiranos descubrir destinos estranxeiros inéditos nesta regata, como é o caso de Sanxenxo, na fantástica ría de Pontevedra", sinalou o director xeral desta prestixiosa proba internacional, Pierre Bojic, durante a súa presentación en París.
Durante o acto, que tivo lugar nunha embarcación atracada no Port de Javel Haut, a alcaldesa, Catalina González, foi a encargada de expoñer ante os regatistas, os seus equipos, patrocinadores e medios de comunicación, as calidades que fan de Sanxenxo un lugar idóneo para albergar este evento "pola súa tradición, a súa experiencia, a súa infraestrutura hoteleira e hostaleira, as súas instalacións náuticas e a súa magnífica costa".
A saída terá lugar en Burdeos e os participantes superarán 461 millas náuticas (853 quilómetros) para chegar a Sanxenxo a partir do martes 2 de xuño. Os protagonistas desta singladura, ademais dos seus equipos, os organizadores, xornalistas e seguidores permanecerán esa semana no municipio, xa que a segunda etapa partirá do Porto Deportivo Juan Carlos I o domingo 7 de xuño con dirección a La Cornouaille, na Bretaña francesa.
"Queremos programar unha oferta lúdica paralela á regata e que a saída do día 7 se converta nunha cita ineludible para vir a Sanxenxo", adiantou Catalina González, quen recordou a importancia que a celebración desta proba ten para o destino. "Atraer turistas franceses ao municipio é un dos nosos obxectivos e entendemos que acollendo esta competición nos situamos no mapa de novos visitantes potenciais afeccionados á vela dun país no que destaca a súa gran tradición náutica".
A alcaldesa incidiu así mesmo en que o feito de que La Solitaire du Fígaro Eric Bompard 2015 se desenvolva tamén en augas inglesas contribúe positivamente "á nosa apertura a novos mercados, algo que perseguimos coas accións promocionais que realizamos,".
Así, o terceiro tramo desta competición que se afronta en solitario, sen asistencia e en embarcacións da clase monotipo desenvolverase entre La Cornouaille (Francia) e Torbay (Inglaterra) pasando polo mítico faro de Fastnet (Irlanda). A última etapa estará comprendida entre Torbay e Dieppe (Francia).
Relacionadas:
-
Sanxenxo despide á Solitaire du Figaro coa saída da segunda etapa
Por Redacción |
-
Sanxenxo respira competición coa chegada da regata Solitaire du Figaro
Por Mónica Patxot |
-
Presentan en Sanxenxo o paso pola vila da regata Solitaire du Figaro
Por Redacción |
-
O porto deportivo de Sanxenxo aspira a revalidar a bandeira azul
Por Redacción |
-
Sanxenxo acollerá en xuño o final da primeira etapa da prestixiosa regata La Solitaire du Figaro
Por Redacción |
-
Un final de etapa da prestixiosa regata La Solitaire du Figaro de vela, obxectivo de Sanxenxo
Por Redacción |